Xunta de Galicia
Xacobeo 2021

Hoxe, no acto de inauguración do Auditorio de Novacaixagalicia Banco, en Santiago

Feijóo afirma que o Goberno galego recibe co mesmo aplauso co que moitos galegos están a recibir esta “nova e prometedora” criatura financeira, “non é un aplauso incondicional senón expectante”

Asevera que a presenza en Novacaixagalicia Banco de José María Castellano e do seu consello de administración debe ser unha garantía de que estas esperanzas non se verán frustradas

Di que Galicia non ten que esperar que veña de fóra un compromiso con Galicia. “Ese compromiso pode buscalo, esperalo e reclamalo nesta nova entidade que nos mantén no mapa financeiro”

Afirma que a Xunta nin quere, nin pode ser unha mera espectadora dun proceso de cambios no sector financeiro; “deixar que o futuro financeiro de Galicia se decidira soamente en instancias alleas, significaría aceptar que o autogoberno estaba ausente nun trance transcendental para o noso futuro”

“Queremos que Galicia teña defensas fronte a unha crise que require manter viva a iniciativa empresarial, forte a produtividade e viva a actividade financeira”, asevera

Vídeo coas declaracións do presidente da Xunta na inauguración do Auditorio de Novacaixagalicia
  • Alberto Núñez Feijóo presidiu o acto de inauguración do Auditorio de Novacaixagalicia
    Autor: Conchi Paz
  • Alberto Núñez Feijóo presidiu o acto de inauguración do Auditorio de Novacaixagalicia
    Autor: Conchi Paz
  • Alberto Núñez Feijóo presidiu o acto de inauguración do Auditorio de Novacaixagalicia
    Autor: Conchi Paz
  • Alberto Núñez Feijóo presidiu o acto de inauguración do Auditorio de Novacaixagalicia
    Autor: Conchi Paz
  • Alberto Núñez Feijóo presidiu o acto de inauguración do Auditorio de Novacaixagalicia
    Autor: Conchi Paz
  • Alberto Núñez Feijóo presidiu o acto de inauguración do Auditorio de Novacaixagalicia
    Autor: Conchi Paz
  • Alberto Núñez Feijóo presidiu o acto de inauguración do Auditorio de Novacaixagalicia
    Autor: Conchi Paz

Santiago, 20 de setembro de 2011.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou esta tarde, no acto de inauguración do Auditorio de Novacaixagalicia Banco, en Santiago, que o Goberno galego recibe co mesmo aplauso co que moitos galegos están a recibir esta nova e prometedora criatura financeira. “Non é –destacou- un aplauso incondicional senón expectante”.

Ao longo da súa intervención, Feijóo explicou que nin os galegos nin o seu Goberno entenden que a galeguidade sexa unha cuestión formal nin nominal, senón que “cremos –dixo- no galeguismo dos feitos, e neste caso os feitos son a implicación intensa na economía do noso país, e unha constante atención á Obra Social”. E neste sentido, aseverou que a presenza en Novacaixagalicia Banco de José María Castellano e do seu consello de administración debe ser unha garantía de que estas esperanzas non se verán frustadas.

Así mesmo, engadiu que Galicia non ten que esperar que veña de fóra un compromiso con Galicia. “Ese compromiso pode buscalo, esperalo e reclamalo nesta nova entidade que nos mantén no mapa financeiro. A historia volve a esixirnos decisión, unidade, ambición. Temos decisión para elixir o noso camiño, temos unidade para sermos máis fortes, e temos ambición de futuro”.

O presidente do Executivo galego destacou que a Xunta de Galicia nin quere, nin pode ser unha mera espectadora dun proceso de cambios no sector financeiro, “no que o noso país –recalcou- se xoga tanto como na etapa de configuración da España das Autonomías”. “Permanecer pasivo tería sido un pecado imperdoable. Deixar que o futuro financeiro de Galicia se decidira soamente en instancias alleas, significaría aceptar que o autogoberno estaba ausente nun trance transcendental para o noso futuro”.

Feijóo lembrou, así, que o Goberno galego actuou, adaptándose en cada etapa a unhas regras non sempre xustas e case nunca estables. “Impulsa primeiro a creación dunha gran caixa galega, facéndose intérprete dunha vontade sentida na sociedade e expresada en diferentes consensos políticos. Aplaude agora o nacemento dun Banco que vai alimentar a Obra Social, e actuacións como a que hoxe celebramos neste Auditorio”.

A loita a prol de bancos con selo galego é, segundo afirmou o titular da Xunta, “unha loita polo país. Por un país que inevitablemente se desempeña nun mundo que deixou atrás as autarquías”. Deste xeito, incidiu en que os países que conten con eses aparellos propios poderán operar con vantaxe na mundialización. “Queremos que Galicia sexa un deles. E tamén queremos que teña defensas fronte a unha crise que require manter viva a iniciativa empresarial, forte a produtividade e viva a actividade financeira”.