O director xeral do Libro avoga por “defender a propiedade intelectual para garantir a continuidade da creación de calidade”

O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos participou hoxe no VIII Simposio o Libro e a Lectura: ‘A propiedade intelectual na sociedade dixital’, organizado pola Asociación Galega de Escritores. Francisco López animou a traballar para conseguir que a sociedade en xeral “recoñeza a propiedade intelectual, respecte e comprenda a importancia do mantemento e desenvolvemento da actividade creativa”

Santiago, 10 de novembro de 2011.- O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, participou hoxe no VIII Simposio o Libro e a Lectura: ‘A propiedade intelectual na sociedade dixital’, organizado pola Asociación Galega de Escritores. Nun acto que se celebrou no Consello da Cultura Galega, o director xeral avogou por “defender a propiedade intelectual para garantir a continuidade da creación de calidade”, Neste sentido, Francisco López recordou que “os creadores dependen dos que recoñecen a súa arte, o seu esforzo creativo e a súa sensibilidade, polo tanto os usuarios debemos de respectalos e defendelos, porque, entre outras cousas, a cultura tamén xustifica as nosas vidas e conforma unha boa parte de nós mesmos”.

Segundo o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, a propiedade intelectual é “un dos grandes desafíos deste século XXI, un desafío económico e empresarial, un desafío político e xurídico, un desafío tecnolóxico e, sobre todo, un desafío social”. Respecto ao desafío económico e empresarial, o director xeral recordou que “a propiedade intelectual é en boa parte o principal soporte sobre o que se asenta esta industria, unha industria en permanente transformación que debe enfrontarse a importantes desafíos nun campo fundamental para a súa supervivencia”.

Francisco López destacou a importancia da propiedade intelectual na sociedade dixital, asegurando que “neste mundo globalizado no que a rede, os novos soportes dixitais e a internacionalización das comunicacións crearon un novo ámbito, de acceso en boa parte libre, que crearon novos hábitos de lectura e un novo panorama de participación e comunicación social”. O libro, é segundo o director xeral, “un dos grandes sectores para os que este novo paradigma se presentou como un desafío vital, un desafío no que debemos loitar para que se respecte e recoñeza, pero no que debemos facelo tamén co equilibrio necesario para que a sociedade en xeral recoñeza a propiedade intelectual, respecte e comprenda a súa importancia para o mantemento e desenvolvemento da actividade creativa”.

Para o director xeral, “as dificultades nas formas de control, as facilidades de publicación, de acceso e de copia polos contidos, ou a propia gratuidade que se impuxo a través de Internet, son fórmulas inesperadas e impensables noutros tempos as que agora nos vemos obrigados a adaptarnos”. “Con estes condicionantes a propiedade intelectual é xa un tema estratéxico que interesa tanto a creadores, coma a produtores e a usuarios, e entre todos debemos de trazar unha camiño futuro que aclare todas as incógnitas existentes”, engadiu. Nesta liña, Francisco López explicou que “non estamos, pois, a defender intereses empresariais nin comerciais, nin privilexios de ninguén, estamos a defender a continuidade da cultura e da creación, estamos a defender a posibilidade de que siga habendo intelectuais, escritores, artistas e intérpretes, que siga habendo directores e produtores, que todo nos podamos continuar vendo unha película, escoitando unha canción ou lendo un libro”.

Finalmente, o director xeral animou a que neste congreso se dialogue e se atopen solucións á situación actual, “porque aínda neste mundo que está en continua cambio hai algunhas cousas que seguen sendo esenciais, como son creación da arte, poemas e narracións, ensaios ou textos teatrais, que seguirán sendo o produto da intelixencia e da sensibilidade dos seus creadores”.
 

Imaxes relacionadas