Cultura e Educación prepara unha programación especial para Semana Santa no Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro

O Parque da Arte Rupestre convértese nestes días nunha opción de lecer moi interesante para todos os que queiran adentrarse no mundo dos petróglifos e coñecer un conxunto rupestre único

Durante toda a Semana Santa este centro ofrecerá visitas guiadas gratuítas todos os días ás 12,00 e ás 17,00 horas, ata completar cupo, así como a posibilidade de participar en obradoiros de caza e lume, que no caso do Xoves Santo serán tamén se custe

Santiago, 3 de abril de 2012
Compartir
  • whatsapp

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, prepara un programa especial para as vacacións de Semana Santa co obxectivo de dar a coñecer as súas instalacións ao gran número de turistas que visitan Galicia durante estas datas. O Parque Arqueolóxico é o lugar ideal para coñecer os petróglifos de Galicia -un dos máis destacados conxuntos de arte rupestre ao aire libre do continente europeo-, descubrir o significado destas misteriosas figuras e achegarnos á vida cotiá dos nosos antepasados de maneira lúdica e participativa.

Para o período de Semana Santa o Parque ofrecerá visitas guiadas gratuítas -ata completar cupo (25 persoas)- todos os días ás 12,00 e ás 17,00 horas, ademais das visitas de pago ás 13,00, 18,00 e 19,00 horas. Os visitantes tamén poderán participar en obradoiros de caza e lume que se realizarán ás 12,00, 16,00 e ás 17,00 horas, e no caso do Xoves Santo tamén serán gratuítos. A través destas actividades, os participantes poderán coñecer máis de cerca como vivían os homes e mulleres da Idade do Bronce, como facían lume e que técnicas de caza utilizaban.

A programación de Semana Santa engade, ademais, unha visita nocturna o sábado a partir das 20,00 horas, que inclúe a entrada ao centro de interpretación e un percorrido guiado para contemplar os petróglifos. Esta é unha actividade moi especial, xa que o visitante pode contemplar os petróglifos á luz das sombras coa axuda dunha luz rasante. Para completar a experiencia, existe tamén a posibilidade de incluír a cea na visita. Na xornada do domingo, todas as persoas que se acheguen ao parque poderán contemplar as exhibicións de caza e lume que levarán a cabo durante toda a xornada.

Con este amplo programa de actividades, centro pontevedrés convértese nestes días nunha opción de lecer moi interesante para todos os que queiran adentrarse no mundo dos petróglifos e coñecer un conxunto rupestre único.

Todas as persoas interesadas poderán realizar a súa reserva ou pedir mais información chamando ao teléfono 986 69 60 66 ou por correo electrónico: reservas@paar.es . O Parque estará aberto en horario continuado desde as 10,00 ata as 20,30 horas.

Un centro para coñecer o berce da nosa civilización
Situado en Campo Lameiro (Pontevedra), o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) é un equipamento cultural único para coñecer unha das máis características e primitivas manifestacións artísticas de Galicia: os petróglifos, signos e figuras gravadas nas rochas. A visita ao Parque Arqueolóxico desenvólvese a partir do acceso a tres espazos diferenciados: un suxestivo e innovador espazo expositivo situado no interior do Centro de Interpretación, a área arqueolóxica anexa, de 22 hectáreas de extensión, na que podemos pasear e observar un conxunto excepcional de estacións rupestres nunha paisaxe moi semellante á do seu contexto orixinal; e unha recreación dun pequeno poboado no que se evocan aspectos da vida cotiá dos nosos antepasados da Idade do Bronce.

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, entre as parroquias de Paredes e Praderrei, é a suma de dous recursos complementarios. Dunha banda, o Centro de Interpretación e Documentación, concibido como centro de referencia para a investigación e conservación dos nosos petróglifos e como un espazo para o ocio intelixente. Doutra banda, existe unha extraordinaria paisaxe cultural, de case 22 hectáreas de extensión, na que se observa un importante conxunto de petróglifos. Ao longo de todo o Parque hai más de oitenta paneis con gravados rupestres sobre os que se veñen realizando desde o 2003 actuacións arqueolóxicas que inclúen prospección, escavación e reprodución, que permiten contemplar os motivos e escenas máis salientables dos petróglifos galegos e, ao tempo, comprender os seus patróns de distribución espacial.


 

Imaxes relacionadas