A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Santiago a sede da axencia de viaxes online Galiwonders, onde avanzou que o DOG publica mañá estes apoios dirixidos a firmas promovidas como máximo por cinco persoas
A iniciativa inclúe axudas á xeración de emprego estable de ata 8.000 euros, á formación, ao inicio da actividade con contías máximas de ata 6.000 euros, e para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar
O período que se financia abarca o inicio de actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de xullo de 2017 tendo especial atención as iniciativas que se implanten no rural, que xeren emprego a mulleres, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión e a aquelas pertencentes a unidades familiares con todos os seus membros en paro
A actuación enmárcase na Estratexia Autónomo 2020 a través da que a Xunta destina 40 millóns ao ano para que Galicia sexa o mellor espazo para emprender
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Santiago a oficina da axencia de viaxes online Galiwonders, onde avanzou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica mañá os apoios ás pequenas empresas de nova creación aos que a Xunta destina dous millóns de euros, co obxectivo de seguir impulsando o emprego autónomo en Galicia.
Toca explicou que esta liña de axudas vai dirixida a empresas que como Galiwonders estean compostas como máximo por cinco persoas, poñendo en valor o labor que desenvolven este tipo de compañías e a súa contribución ao impulso do emprego autónomo na Comunidade. Galiwonders está especializada en Galicia e o Camiño de Santiago e realiza a súa actividade no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.
Ademais de ser firmas de nova creación, iniciativas locais de emprego (ILE), autónomos ou persoas promotoras, as iniciativas terán que ser viables técnica, económica e financeiramente e que xeren emprego estable para persoas desempregadas. Outros requisitos para acceder a estas axudas son contar cun capital social máximo de 120.202 euros e que como mínimo o 50% do capital social da compañía sexa de titularidade dos promotores, que deben ser persoas desempregadas que creen o seu propio posto de traballo na empresa.
A Xunta financiará ás empresas que teñan iniciado a súa actividade desde o 1 de outubro de 2016 e ata o 31 de xullo de 2017. Nesta convocatoria, tal e como apuntou Toca, terán especial atención as iniciativas que se implanten en territorios rurais, que xeren emprego a mulleres, persoas con discapacidade, en risco de exclusión social ou a aquelas pertencentes a unidades familiares con todos os seus membros en paro. En todos estes casos, as axudas concedidas incrementaranse nun 25%. O prazo xeral para a presentación de solicitudes rematará o 31 de xullo deste ano.
Establécense catro tipos de axudas diferentes: á xeración de emprego estable; á formación; ao inicio da actividade; e á conciliación da vida persoa, laboral e familiar das persoas promotoras. Para a xeración de emprego estable, o Goberno galego financiará a contratación de persoas desempregadas en postos de traballo estables e de calidade con apoios máximos de ata 8.000 euros por persoa contratada cun máximo de 10 contratacións.
A formación que se apoie a través desta actuación de Economía, Emprego e Industria será a relacionada coas funcións propias da xerencia ou a vinculada coa actividade a desenvolver. As accións formativas poderán ser impartidas por entidades públicas ou privadas financiándose ata o 75% do custe da formación recibida cun límite de 3.000 euros.
Para o inicio da actividade, apoiaranse os primeiros gastos con ata un máximo de 6.000 euros por cada persoa contratada ata un máximo de 10. Por último, as axudas para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar financiarase con axudas do 75% do custo dos servizos de gardería ata un máximo de 3.000 euros para quen teña fillos menores de 3 anos. Inclúense os gastos correspondentes desde os tres meses anteriores ao inicio de actividade ata o mes de xullo de 2017.
Estratexia Autónomo 2020
A secretaria xeral de Emprego sinalou que esta iniciativa forma parte da Estratexia Autónomo 2020 á que o Goberno galego dedica 40 millóns de euros ao ano para que Galicia sexa o mellor espazo para emprender. O obxectivo é apoiar de media a máis de 10.000 traballadores cada ano. Entre as medidas innovadoras que se porán en marcha, Toca destacou a ampliación da tarifa plana do Estado e a mellora da conciliación por maternidade ou paternidade aumentando 16 semanas máis a bonificación do 100% da cota da Seguridade Social da persoa contratada.
Así mesmo, porase en marcha o Bono Autónomo de ata 3.000 euros para a consolidación da actividade e tamén crearase a Oficina do Autónomo que actuará como xanela única de asesoramento e consulta de acceso telemático, onde os traballadores disporán de toda a información sobre as axudas e procedementos administrativos que sexan do seu interese.
Toca, así mesmo, lembrou que as axudas para apoiar o inicio de actividade dos autónomos e para consolidar o seu traballo con incentivos á contratación indefinida están aínda activas. En total, o investimento do departamento autonómico para esta actuación alcanza os 18,2 millóns de euros. A Xunta financiará as altas na Seguridade Social formalizadas entre o 1 de outubro de 2016 e o 30 de setembro de 2017, ambos inclusive.
Por último, recordou que a Xunta tamén apoia diferentes aceleradoras que impulsan o emprendemento como é o caso de Galicia Open Future que se desenvolve con Telefónica ou os espazos coworking que realiza coa EOI, programas nos que participou Galiwonders. Na actualidade, a firma forma parte da iniciativa Re-Acciona TIC do Igape, orientada a potenciar a súa estratexia en márketing dixital.