O titular do Mar en funcións visitou as instalacións de Conservas Cortizo

Alfonso Villares enxalza o músculo da conserva galega como fonte de emprego de calidade e a súa gran capacidade exportadora

O conselleiro sinala que o sector conserveiro galego representa máis do 75% da produción nacional e un 69% da facturación que ronda os 900 millóns de euros anuais, comercializando os seus produtos en 130 países 

Conservas Cortizo procesa cada ano ao redor de 5.000 toneladas de peixe e marisco de excelente calidade que sumado á posta en marcha dun laboratorio propio de calidade o fixo merecedora de obter o selo Galicia Calidade

O responsable autonómico resaltou a elaboración da man do sector do Plan Estratéxico da Conserva de Galicia 2022-2030 e a mobilización desde 2022 de 135 millóns de euros no conxunto do sector transformador 

Rianxo (A Coruña), 20 de marzo de 2024

O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, enxalzou hoxe o músculo do sector conserveiro galego como motor económico e fonte de emprego de calidade así como a súa capacidade exportadora. Así o dixo durante a visita ás instalacións de Conserva Cortizo no municipio coruñés de Rianxo onde puxo en valor a traxectoria desta empresa familiar baseada na utilización dunha excelente materia e o coidado da mesma durante o proceso de elaboración artesanal e tradicional dos seus produtos para ofrecer aos consumidores o mellor sabor dos nosos mares.

O responsable autonómico destacou que grazas ao traballo de empresas como Conservas Cortizo a nosa comunidade mantén o liderado nacional na elaboración destes produtos acaparando o 75% da produción e o 69% da facturación que ronda os 900 millóns de euros anuais. Tamén sinalou a capacidade exportadora do sector levando os seus produtos a 130 países o que demostra o recoñecemento da calidade e sabor da conserva galega nos mercados internacionais.

O conselleiro puxo o foco nas excepcionais calidades do peixe e marisco galegos e na profesionalidade e experiencia do sector como principais claves do seu éxito e, nesa liña, indicou á empresa rianxeira como exemplo, procesando cada ano ao redor de 5.000 toneladas de materia prima. Por outro lado, louvou os esforzos da compañía por innovar e mellorar os seus produtos así como por velar pola súa calidade e seguridade alimentaria cun laboratorio propio de control. Un traballo que permitiu a súa inclusión no selo de Galicia Calidade.

Plan Estratéxico

Alfonso Villares resaltou o compromiso do Goberno galego de apoiar ao sector conserveiro e ao conxunto da actividade transformadora de produtos da pesca cualificando esta industria como estratéxica para a economía galega. O titular de Mar resaltou como fito deste apoio a elaboración do Plan Estratéxico da Conserva de Galicia 2022-2030 como folla de ruta no que se recollen 80 medidas para xerar un maior valor engadido. Tamén subliñou que estanse a mobilizar 135 millóns de euros desde o 2022 en apoio ao sector conserveiro e da industria de elaborados pesqueiros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2024