A Xunta e o Clúster de Turismo visibilizan as novas alternativas de emprendemento neste sector para xerar oportunidades de negocio innovadoras

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe na xornada Innovación emprendedora no sector turístico organizada polo Polo de Melide en colaboración co Clúster

O representante autonómico destacou a aposta do Goberno galego polo emprendemento a través da Rede de polos que xa conta con 13 centros, sinalando o asesoramento específico que presta no caso de proxectos de remuda

A oficina de Melide atendeu desde a súa posta en marcha 55 proxectos promovidos por 52 persoas emprendedoras (preto do 60% mulleres)

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2024

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, interviu hoxe na xornada Innovación emprendedora no sector turístico organizada polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Melide, en colaboración co Clúster de Turismo.

O encontro tivo como obxectivo visibilizar as novas alternativas de emprendemento no sector para xerar oportunidades de negocio e crear sinerxías empresariais para fomentar a economía colaborativa entre o turismo coa comarca. Deste xeito, os participantes puideron coñecer e traballar sobre as novas posibilidades que ofrece este ámbito.

Fernández sinalou a importante aposta da Xunta polo emprendemento a través dos polos que xa contan con 13 oficinas. O de Melide leva realizadas 162 titorías e asesorado 55 proxectos desde a súa posta en marcha, dos que un 58% están impulsados por mulleres. En canto ás idades das persoas emprendedoras, o 50% atópase nunha franxa de entre 35 e 52 anos. Por sectores, os proxectos pertencen aos servizos nun 24%, seguido da hostalería 822%) e de actividades sanitarias e de servizos sociais (15%). No polo de Melide, ademais, están rexistrados dos proxectos de remuda.

O encontro tamén serveu para dar a coñecer a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que presta asesoramento individualizado e gratuíto en calquera fase en que se atopen os proxectos empresariais, co obxectivo de xerar riqueza, dinamizar a economía e fixar poboación especialmente no rural. Entre as novas funcionalidades, a Rede está a dar apoio a través dun Plan de remuda xeracional para garantir o mantemento dos negocios, poñendo en contacto persoas interesadas en vender ou alugar as súas empresas con outras dispostas a facerse cargo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2024