Ana Ortiz felicita á dirección do Conservatorio profesional de música de Vigo tras converterse no primeiro de Galicia con acreditación “Erasmus+”

A delegada territorial da Xunta visitou este mércores o centro educativo no que se forman 560 estudantes e traballan 68 docentes

Vigo, 17 de abril de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este mércores, xunto ao xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, o Conservatorio Profesional de Música de Vigo (CMUS), primeiro da comunidade galega que contou coa certificación “Erasmus+” no seu programa de estudos.

“É un orgullo para todos nós que o proxecto do CMUS fose o mellor valorado de toda España no 2021 e que acadase unha acreditación que terá validez ata o ano 2027”, apuntou Ana Ortiz. A representante autonómica mantivo unha xuntanza co equipo directivo do centro para coñecer de primeira man as distintas formacións impartidas no centro e a continuación realizou un percorrido polas instalacións.

Ademais, a delegada visitou dúas aulas onde tivo un encontro cos alumnos, de 16 e 17 anos, que reciben formación en análise e en historia da música. O Conservatorio Profesional de Música de Vigo é un centro que destaca pola súa xestión, organización e proxección. O centro, que conta con 68 docentes e 560 estudantes, tamén destaca pola súa programación de concertos dirixido ao público en xeral.

A obtención da acreditación “Erasmus+”, que ten en funcionamento dende 2021, é un impulso para continuar consolidando o programa no conservatorio e avanzando na súa estratexia de internacionalización. Esta certificación garante que o centro establece un plan para executar actividades de mobilidade de alta calidade no marco dunha iniciativa máis ampla de desenvolvemento da súa organización.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2024