A Xunta impulsa en Ourense a comercialización de Artesanía de Galicia e a divulgación dos oficios artesanais

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá na inauguración da XXVII Feira de Artesanía de Ourense, que se celebra ata o domingo 5 de maio

Nesta edición participan 18 obradoiros artesanais especializados en xoiería, coiro,  manipulado de papel, téxtil e bixutería

O evento traslada a súa localización este ano ata a praza Bispo Cesáreo e na programación inclúense obradoiros de cestería, de talla de vidro e de instrumentos musicais

Ourense, 27 de abril de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na inauguración da XXVII edición da Feira de Artesanía de Ourense, que estará aberta ao público ata o vindeiro domingo 5 de maio. O evento, que este ano cambia de localización e trasládase ata a avenida de Pontevedra e a praza Bispo Cesáreo (fronte á Alameda), está organizado pola Asociación de Artesáns de Ourense e conta co patrocinio da Xunta. 

Nesta edición participan como expositores 16 obradoiros de Artesanía de Galicia especializados na xoiería, no coiro, na bixutería, no manipulado de papel e no téxtil. En concreto, os obradoiros de Artesanía de Galicia son Xakarandá (Marín), Amorei (Soutomaior), Chueco (A Coruña), Mario López (Vigo), Silvereira (Ames), Zimzelatum (Gondomar), Paz Navas (A Coruña), A Sariña Maquinando (Ourense), Suso Calo – Lobo Tolo (Moaña), Mestura de Kores (Vigo), Rosa Fraíz (Vilagarcía de Arousa), María Aba (Ourense), Coiro Tres Pés (Pontevedra), Cabuxa (Tui), Taller Cruz (Vigo) e os artesáns Antolín Piel e Hiar Artesanía.  

O horario de apertura da feira é de 11,00 a 14,00 horas e de 17,00 h. a 21,00 h., e na programación de actividades inclúense cinco obradoiros de artesanía. Así, na xornada de hoxe, o artesán Carlos Sabrafén dirixe un obradoiro de instrumentos musicais en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 20,00 h. No mesmo horario, celebrarase un obradoiro de cestería impartido por Julia de Cal o mércores 1 de maio e o xoves día 2 será a quenda do artesán Miguel Carrera de Olería do Batán, que iniciará os máis pequenos no traballo co torno de olería en horario de 17,00 a 20,00 horas.

Mentres, o venres 3 de maio, tamén en horario de tarde, terá lugar un obradoiro de coiro para nenos e nenas a cargo de Lucía Casado, de Luciérnaga; e o último dos obradoiros será o de talla de vidro a cargo de Eugenio Soto, o sábado 4 de maio de 11,00 a 14,00 h. e de 17,00 a 20,00 h. 

Data de actualización: 27/04/2024