A Xunta blinda as melloras ás familias para adquirir libros de texto e material escolar, medidas que beneficiarán o vindeiro curso o 70% do alumnado

Rueda salienta que o obxectivo e manter “as melloras habilitadas nos últimos dous cursos” e que implicaron un aumento das achegas que reciben os estudantes

Destaca que a Xunta consolida os vales de material de 75€ e 60€ en función da renda

 Subliña que o Fondo solidario acada os 400.000 libros para ceder aos estudantes de ensino obrigatorio grazas a un investimento de 25M€ nos tres últimos cursos

As axudas para a compra de libros conservan o aumento experimentado este curso e volverán situarse entre 160€ e 300€ en función da situación da cada fogar

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello deu o visto e prace a destinar 17 millóns de euros para blindar as medidas de apoio ás familias galegas para o vindeiro curso 2024/25, destinadas a facilitar a adquisición de libros de texto e material escolar. Con esta finalidade, asegurou, o Goberno galego “mantén as melloras habilitadas nos dous últimos cursos” -polo aumento dos prezos- e que, na práctica, se traducen nun incremento na achega que reciben os estudantes. 

O obxectivo, tal e como resaltou Rueda, “é que o 70% dos alumnos contan con algún apoio da Xunta” á hora de acceder aos libros de texto ou o material que se precisa na actividade escolar. 

En concreto, o presidente explicou que a Xunta mantén as dúas categorías do bono de material creadas o ano pasado, de 75€ e 60€ en función da renda familiar, para o cal se reserva un orzamento de máis de 9M€ fronte aos 5,5M€ do curso previo ás melloras. O mesmo sucede cos libros de texto, eido que se canaliza a través de dous mecanismos consolidados e cun funcionamento moi satisfactorio. Por unha banda, o Fondo solidario (desde 3º de Primaria ata 4º de ESO) e, por outra, as axudas de libros (para 1º e 2º de Primaria, Educación Especial ou alumnado con necesidades educativas especiais, cuxos manuais non se poden reutilizar). 

No caso das axudas para libros de texto, o orzamento volve superar os 6M€, mentres que no Fondo solidario se inxecta unha nova achega de 1,2M€ que eleva a 25M€ os recursos destinados a adquirir libros desde a entrada en vigor da nova lei educativa estatal, que obrigou a renovar a totalidade dos exemplares. Grazas a isto, os colexios e institutos van dispoñer “de máis 400.000 libros no fondo solidario para poñer a disposición das familias de balde”, indicou o presidente. Nesta ocasión, non é preciso facer unha substitución ampla de libros, como si foi necesario os dous últimos veráns por mor da implantación dos novos contidos.

Estas tres ferramentas permiten que todas as familias que cumpren cos requisitos teñan cuberto de balde os libros que precisan para os seus fillos, case na súa totalidade, cun apoio maior a quen máis o necesita. No actual curso 2023/24, máis de 96.500 alumnos tiveron os libros de balde e máis de 128.000 accederon aos vales de material escolar. Isto, sumado aos estudantes que acceden gratis ao libro dixital, fai que máis do 70% do alumnado galego conte co apoio do Goberno autonómico neste ámbito, un obxectivo que se pretende volver a acadar coa convocatoria aprobada hoxe no Consello. 

Vale de material de novo reforzado

O vale para a adquisición de material escolar vai dirixido a todas as familias con renda per cápita igual ou inferior aos 10.000€, con dous tramos de renda. No primeiro deles, rendas per cápita iguais ou inferiores a 6.000€, o vale é de 75€. Foi reforzado no curso 2022/23 (antes eran 50€) para facer fronte á suba de prezos. No segundo, de nova creación no actual curso, e que comprende as rendas superiores a 6.000€ e iguais ou inferiores a 10.000€, o vale será de 60€ por alumno. O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta, o alumnado de Educación especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario do vale de 75€, con independencia da renda.

Axudas para libros no reutilizables

O funcionamento das axudas para a compra de libros mantense invariable, cos mesmos tramos de renda, consolidando o incremento xeneralizado nas contías deste curso. Esta liña vai dirixida aos alumnos dos dous primeiros cursos de Primaria, nos que os libros non son reutilizables, aos de Educación especial e a aqueles con necesidades específicas de apoio educativo que lles dificultan empregar os libros do Fondo solidario.

Neste caso, mantense o incremento realizado no actual curso de entre 20€ e 30€ en función da renda familiar, e consérvase igualmente a achega de 300€, con independencia da renda, para o alumnado matriculado en Educación especial.

Así, para o alumnado de 1 e 2º de Primaria, a axuda do primeiro tramo (igual ou inferior a 6.000€) é de 240€, e a do segundo (renda superior a 6.000€ e igual ou inferior a 10.000€), de 160€. O alumnado matriculado en Educación especial (en centros específicos ou en unidades de Educación especial de centros ordinarios) ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% continuará recibindo 300€, con independencia da renda per cápita. 

No caso do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, que non poida usar os libros do Fondo, hai axudas para todos os cursos de Primaria e ESO. Na etapa de Primaria, as familias do primeiro tramo de renda reciben 240€ por fillo e as do segundo 160€. Na etapa de ESO, os importes sitúanse en 270€ no primeiro e 180€ no segundo.

Para o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta, o importe da axuda será o maior que lle corresponda con independencia da renda per cápita da unidade familiar.

Ata seis libros a través do Fondo

O alumnado desde 3º de Primaria a 4º de ESO pode acceder ao Fondo solidario de libros, salvo as situacións xa sinaladas para Educación especial e alumnado con necesidades específicas. A asignación de libros de texto realízase por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar, tendo preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da renda.

Os escolares con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros, ou que estean en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) ten garantido o acceso a seis libros. Pola súa banda, as familias con tramos de renda per cápita entre 6.000 e 10.000 euros teñen acceso a catro. Tanto para acceder ao Fondo solidario como para recibir as axudas de libros e material é requisito fundamental devolver os libros do curso anterior.

Ademais, e para os casos en que o centro educativo debe adquirir algún libro para o Fondo solidario por non seren suficientes para cubrir a asignación inicial, o Goberno galego aboa por cada libro complementario 40€ en Primaria e a 45€ en ESO.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2024