Artesanía de Galicia chega ao Courel con cursos de iniciación e obradoiros abertos para todos os públicos

A Fundación Artesanía de Galicia organiza por cuarto ano consecutivo o evento Artesanía de Galicia no Courel, que da comezo este mércores en diferentes localizacións de Folgoso do Courel

No programa de actividades inclúense nove obradoiros gratuítos para iniciar os visitantes en oficios como a estampaxe, o tecido tradicional, a olería, o coiro e a decoración de louza

Folgoso do Courel (Lugo), 5 de agosto 2024

A Xunta volverá levar os oficios artesanais ao Courel por cuarto verán consecutivo a través da iniciativa Artesanía de Galicia no Courel, que se celebra do mércores 7 ao domingo 11 de agosto en diferentes localizacións de Folgoso do Courel. Trátase dun evento enfocado exclusivamente en amosar e divulgar os oficios artesanais da marca Artesanía de Galicia, a través de cursos de iniciación con inscrición previa e de obradoiros abertos para os visitantes. Artesanía de Galicia no Courel está organizado pola Fundación Artesanía de Galicia e conta coa colaboración do Concello de Folgoso do Courel e da Fundación Uxío Novoneyra.

Os visitantes poderán participar nos nove obradoiros programados, que se desenvolverán en dúas localizacións diferentes. No Centro Sociocultural Fondo de Vila celebraranse en horario de 10,30 a 13,30 e de 16,00 a 18,00 h. as actividades de olería, tecido tradicional e estampaxe. Durante os cinco días do evento, celebrarase un obradoiro para amosar a técnica de felpado ou gorullo, impartido por Lourdes Otero, de Fusaiola; e o ceramista Carlos San Claudio será o encargado de impartir o obradoiro de Iniciación ao torno cerámico.

Sandra Betanzos, de Amor ó Teu, impartirá un obradoiro de estampaxe diferente cada un dos días. O mércores 7 terá lugar o de postais con selos; o xoves 8, o de xeométricos en avionetas de goma eva; o venres 9, o de patrón de repetición con goma eva en rodete; o sábado 10 amosará o de papel e téxtil e manualidade de medusa; e por último, o domingo 11 será a quenda da estampaxe de cadernos con selos.

Na Fundación Uxío Novoneyra terán lugar dous obradoiros impartidos por María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop, en horario de 11,00 a 13,30 h. e de 16,00 a 18,00 h.: do 7 ao 9 de agosto será o de Iniciación ao traballo con coiro e os días 10 e 11 de agosto, o de decoración de louza. Todos estes obradoiros teñen carácter gratuíto e non requiren inscrición previa.

Cursos especializados

No programa de actividades desta cuarta edición inclúense tamén sete cursos de iniación a diferentes oficios como a ourivería, a cestería, o téxtil ou a carpintería, para os que se requiría inscrición previa.

Na Antiga Escola Unitaria de Parada desenvolveranse o curso de Iniciación á ourivería, impartido por Susi Gesto, que durará os cinco días do evento. Na Carbiña terán lugar dous cursos de cestería, impartidos por Julia de la Cal, de La Parabólica -Paxes revisitados, do 7 ao 9 de agosto, e Cesta Niño, os días 10 e 11 de agosto– e dous cursos de tecido ás agullas a cargo de Lola García, de Logaro: un sobre a técnica do nalbinding, do 7 ao 9 de agosto, e outro de iniciación da forquita con gancho, os días 10 e 11.

Por último, na Fundación Uxío Novoneyra, o artesán Rodrigo Mosquera, de Tresoficios, dirixirá un curso de Técnicas de Carpintería con alternativa para dous grupos diferentes:  un do 7 ao 9 de agosto e outro que se concentrará na fin de semana, o sábado 10 e o domingo 11. 

A través desta iniciativa, a Xunta busca divulgar os nosos oficios artesanais e a marca Artesanía de Galicia, así como achegar o público ás técnicas e valores que implica o feito á man.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/08/2024