A Xunta impulsa a transformación dixital e a modernización do sector comercial e artesanal galego con apoios de máis de 2 M€
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou en Ourense o comercio de moda Umbela, beneficiario desta convocatoria en 2024
Esta liña de axudas busca consolidar un comercio de proximidade máis moderno e sustentable, que incremente a súa competitividade aproveitando as novas oportunidades tecnolóxicas
Ourense, 9 de agosto de 2024
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado da presidenta da Federación provincial de comercio de Ourense, Beatriz Gómez, visitou na cidade ourensá a tenda de moda feminina Umbela, beneficiaria da convocatoria deste ano para a transformación dixital, a innovación e a modernización do sector comercial e artesanal. En concreto, o establecemento ourensán recibiu apoios específicos nas liñas de dixitalización e innovación, o que lle permitiu seguir avanzando nas áreas do ecommerce e do smart retail para impulsar a súa competitividade e modernización.
No conxunto de Galicia, na presente convocatoria -resolta recentemente- resultaron beneficiarios máis de 400 negocios, un 82% correspondentes a comercios e o resto, obradoiros artesanais.
Con estas axudas, a Xunta busca apoiar ao sector para que se adapte á nova realidade a través da introdución de tecnoloxías que lles permitan conectar coas necesidades do cliente á vez que se melloran os equipamentos dos establecementos para consolidar un comercio de proximidade, moderno e sustentable.
Detalles da convocatoria
Os interesados podían optar á liña de dixitalización, na que se incluían actuacións como a implantación ou mantemento de páxina web, ferramentas de posicionamento dixital, xestión de redes sociais ou loxística ecommerce, entre outras.
Na liña de innovación cubríanse tanto accións de smart retail, dirixidas á transformación dixital do punto de venda e do modelo de negocio -sistemas de click and collect e lockers dixitais, terminais de pago, tecnoloxía de control de stocks ou asistentes virtuais, por exemplo- como iniciativas de visual merchandising para mellorar a experiencia de compra, como implantación de escaparates virtuais ou pantallas.
Por último, na liña destinada á modernización contemplábanse tres programas de actuación: un destinado á mellora da eficiencia enerxética e dos recursos do local; outro de reforma para mellorar a imaxe do establecemento e outro para a adquisición de equipamento e maquinaria propios da actividade comercial e artesanal.