A Xunta convoca as axudas para financiar a matrícula de máster oficial a persoas desempregadas
O orzamento total da convocatoria é de 90.000 euros e as persoas interesadas poderán solicitar estas bolsas ata o 4 de outubro de 2024
Con esta medida, o Goberno galego busca mellorar as perspectivas dos beneficiarios no mercado laboral
Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2024
As persoas tituladas universitarias en situación de desemprego xa poden solicitar as axudas destinadas ao financiamento da matrícula dun máster universitario oficial nas universidades públicas galegas no curso académico 2024/2025. A Xunta de Galicia vén de publicar a convocatoria destas bolsas anuais por un importe total de 90.000 euros. En función do tipo de máster que curse o beneficiario, o importe máximo de axuda será de 835,80 euros e o mínimo de 591 euros, cubrindo o importe das materias matriculadas por primeira vez.
O obxectivo desta liña da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP é facilitar que as persoas desempregadas cursen un máster universitario que lles proporcione unha formación avanzada orientada á especialización académica ou profesional e melloren así o seu acceso ao mercado de traballo.
Poderán acceder a estas axudas as persoas que remataran os seus estudos universitarios de grao antes do 30 de setembro de 2023 ou estean en situación de desemprego e que no curso 2024/2025 estean matriculadas nun máster universitario oficial ofertado polas universidades públicas de Galicia, dun mínimo de 60 créditos excluídos os créditos recoñecidos, convalidados ou adaptados.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 4 de outubro de 2024.
103 matrículas gratuítas no curso 2023/2024
Grazas a esta medida do Goberno galego, un total de 103 persoas recibiron esta axuda para a matrícula gratuíta dun máster oficial nas universidades públicas galegas no curso 2023/2024. Por universidades, 18 dos beneficiarios estudaron o seu máster na de Santiago de Compostela (USC), 46 na de Vigo (UVigo) e 39 na da Coruña (UDC).
O máster máis cursado entre os beneficiarios foi o do Profesorado, que estudaron 46 bolseiros. Ademais, con tres beneficiarios cada un, destacaron titulacións como os máster en Prevención de Riscos Laborais, Prevención en Riscos Laborais e Riscos Común, Finanzas, Avogacía e Procura, Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais e Tradución Multimedia.