O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo unha reunión esta semana con representantes da entidade
A Xunta destaca o papel de Proxecto Home na atención e reinserción de persoas con adiccións
O Goberno galego destina máis de 330.00 euros a esta entidade a través de distintas liñas de axudas como o 0,7% do IRPF ou o financiamento do programa Acougo
Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2024
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo esta semana unha reunión coa presidenta de Proxecto Home, Ofelia Debén, e o presidente do Padroado Fundación Monte do Gozo, Ramón Gómez, para abordar posibles melloras nas liñas de colaboración do Goberno galego coa entidade. O director xeral destacou o importante papel que desempeña esta entidade na atención, rehabilitación e reinserción sociolaboral das persoas con adiccións.
Neste sentido, lembrou que nestes momentos a Xunta destina máis de 330.000 euros a través de distintas liñas de axudas como o 0,7% do IRPF ou o convenio para a posta en marcha do programa Acougo dirixido a persoas diagnosticadas con patoloxía dual. O programa Acougo conta con nove prazas e ofrece unha atención personalizada e integral e persegue dous obxectivos: achegar estabilidade a persoas que sofren patoloxía dual e inculcarlles hábitos de vida saudables.