A Xunta continúa avanzando no proceso de diálogo e cooperación para impulsar o comercio de proximidade e potenciar as prazas de abastos
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, reuniuse esta mañá con representantes do concello de Viveiro e do centro comercial aberto da localidade para abordar aspectos relativos ao impulso do comercio local no municipio lucense
Puxo en valor os apoios autonómicos aos centros comerciais abertos e a orde de Mercados Excelentes, solicitada recentemente polo concello de Viveiro para potenciar a súa praza de abastos
A reunión encádrase no proceso de diálogo e escoita activa que a Administración está a realizar cos diferentes axentes que interveñen no tecido comercial galego co obxectivo de configurar o futuro Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030
Viveiro (Lugo), 4 de setembro de 2024
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, reuniuse esta mañá coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, así como outros representantes municipais do concello e do centro comercial aberto da localidade co obxectivo de seguir avanzando e cooperando entre administracións e co tecido asociativo para o impulso do comercio local e de proximidade.
Neste encontro, o director xeral remarcou o compromiso da Xunta con este sector fundamental para a economía local, a xeración de emprego de calidade e a vertebración do territorio. Tamén incidiu na determinación da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para impulsar de xeito decidido o papel os centros comerciais abertos, claves na revitalización do comercio de proximidade, así como as prazas e mercados de abastos, como o mellor escaparate do produto galego de calidade, cun gran vencello ás contornas nas que se integran.
Neste senso, puxo en valor a recente orde- cun orzamento de 2,25 millóns de euros- para a innovación e dinamización dos centros comerciais abertos ou a convocatoria de Mercados Excelentes, solicitada recentemente polo concello de Viveiro para potenciar a súa praza de abastos. A través deste indicativo -dotado con 1.280.000 euros-, a Xunta busca Impulsar a mellora destes espazos e a creación dunha rede de excelencia a través do selo Mercado Excelente, así como mellorar a súa accesibilidade, acadar a súa modernización e dixitalización e incrementar os servizos que prestan, favorecendo a coordinación cos centros comerciais abertos e aproveitar sinerxías.
A reunión tamén se encadra no proceso participativo de diálogo e escoita activa que o Goberno galego está a realizar cos diferentes axentes que interveñen no tecido comercial galego -asociacións, centros comerciais abertos, prazas de abastos, concellos...- co obxectivo de configurar o futuro Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, unha planificación en materia de transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e tamén artesanal, que permita desenvolver un Mapa do Comercio de Galicia efectivo. Isto é, un espazo que contemplará a todo o sector comercial integrado dentro das asociacións, cun buscador por tipoloxía de establecemento, xeolocalización e información detallada para potenciais clientes.