A Xunta aposta pola descarbonización dos portos para situar a Galicia á vangarda do proceso de transición enerxética en España

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participa no acto de inauguración do IX Congreso Nacional da Asociación Técnica de Puertos y Costas que reúne a máis de 250 participantes en A Coruña

Destaca a oportunidade que supón para Galicia o desenvolvemento da eólica mariña e a necesidade de colaboración entre as diferentes administracións

A Coruña, 3 de outubro de 2024

A Xunta aposta por situar a Galicia á vangarda do proceso de transición enerxética en España. Así o destacou esta mañá o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, no acto inaugural do IX Congreso Nacional da Asociación Técnica de Puertos y Costas (ATPYC), que reuniu en A Coruña a máis de 250 profesionais do sector.

No encontro baixo o título Contribución de puertos y costas a la transición energética, Fernández Vila incidiu na importancia da relación dos principios estratéxicos da Axenda Enerxética de Galicia co ámbito portuario. Entre eles, descarbonizar os sectores económicos e sociais, diminuír a dependencia enerxética do exterior, posicionar a Galicia como polo enerxético innovador ou conseguir unha industria eficiente e sustentable.

Durante a súa intervención, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas salientou diferentes proxectos que contribuirían á transición enerxética nos portos e costas de Galicia. Por exemplo, as iniciativas declaradas pola Xunta de Galicia Proxectos Industriais Estratéxicos coma os proxectos de hidróxeno verde, que poden e deben contribuír á descarbonización do transporte marítimo e aéreo, ao igual que aqueles proxectos para a fabricación de compoñentes de enerxías renovables en solo portuario permitirán a xeración de riqueza e emprego na nosa comunidade.

Por outra banda, Fernández Vila fixo fincapé na importancia da colaboración entre institucións para avanzar e acadar os obxectivos propostos. Por iso, resaltou a oportunidade que supón para a Comunidade galega o desenvolvemento da eólica mariña, ca vantaxe que poderían supor os coñecementos adquiridos grazas á plataforma experimental de enerxías mariñas de Punta Langosteira impulsada polo Goberno galego.

Por último, no marco da nova Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia (Lei de Recursos Naturais), Pablo Fernández Vila tamén subliñou o acordo subscrito da Consellería de Economía e Industria, a Consellería de Mar e Recursos de Galicia (RDG) para levar a cabo a maior auditoría enerxética da historia de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2024