A Xunta apoia na Coruña o 5º encontro ‘A igualdade, un activo para a empresa’ a prol dunha equidade de oportunidades real no mercado laboral

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais participou hoxe no evento da Confederación de Empresarios da Coruña cofinanciado polo Goberno galego, no que se abordan os incentivos ou dificultades para implantar a Igualdade no eido laboral

Pablo Fernández aproveitou para mencionar medidas autonómicas como as axudas destinadas a impulsar a contratación feminina en ocupacións masculinizadas, o programa Lideramos, a campaña Ti elixes ou o Campus en liña de igualdade laboral

Ademais esta tarde o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais clausurará o I Encontro galego interprofesional de RRHH organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

A Coruña, 10 de outubro de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta tarde na apertura do 5º encontro A igualdade, un activo para a empresa, organizado pola Confederación de Empresarios da Coruña e apoiado pola Xunta. Alí, apostou por unha igualdade de oportunidades real no mercado laboral, coñecendo as medidas incentivadoras que existen e sorteando as posibles barreiras e dificultades que se poden atopar á hora de implantala.

Na súa intervención, o secretario xeral centrouse especialmente nos apoios á igualdade laboral promovidos polo Goberno galego, como as axudas comprometidas para os primeiros 100 días de goberno destinadas a impulsar a contratación feminina en ocupacións masculinizadas, especialmente en sectores tecnolóxicos e industriais de alto valor engadido. Tamén se orientaron á adaptación dos espazos ou dos postos de traballo nas empresas de cara a garantir a igualdade laboral.

Así mesmo, referiuse ao programa Lideramos que se clausurou coa entrega de diplomas a preto de 150 mulleres participantes nesta iniciativa formativa centrada no impulso ao talento e liderado femininos, así como na mellora profesional e na xestión de equipos. Tamén á campaña Ti elixes, para promover con charlas nos centros de secundaria a elección de profesión sen atender a prexuízos de xénero.

A maiores, Fernández mencionou -entre outras- o Campus en liña de igualdade laboral con máis de 6.000 persoas usuarias, que impulsa accións gratuítas de formación e sensibilización para promover a igualdade no eido do traballo.

Encontro galego interprofesional de RRHH

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, tamén clausurará o I Encontro galego interprofesional de RRHH organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e no que se intercambiarán ideas entre profesionais do ámbito dos recursos humanos e entre outros axentes implicados nas relacións laborais. Neste sentido, abordaranse os desafíos actuais que afrontan as organizacións no ámbito da xestión de persoas e a mellora da eficiencia e o benestar no traballo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2024