Belén do Campo anima aos 16 alumnos do obradoiro de emprego de Santiago a aproveitar estes 12 meses de formación grazas a un investimento da Xunta de máis de 438.000 €
Belén do Campo sinalou que estas iniciativas, financiadas polo Goberno galego, tamén reforzan a colaboración coas entidades locais e permiten que as persoas que participan nelas obteñan un certificado de profesionalidade
A delegada lembra que a Xunta financiará tres obradoiros para persoas mozas, con 1,2 millóns de euros, para formar a 64 persoas sen emprego na comarca de Santiago
No marco da convocatoria de obradoiros para persoas mozas deste 2024-2025 desenvolveranse en Galicia deica o vindeiro ano un total de 15 accións por máis de 6,6M€ coas que se prevé beneficiar 240 persoas sen traballo en toda a Comunidade
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2024
A delegada da Xunta, Belén do Campo, e o director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, inaugurou hoxe o obradoiro de emprego para persoas mozas organizado por Santiago de Compostela, Genius, centrado no desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos. Alí puxo en valor o papel destes obradoiros na formación teórico-práctica para mellorar a empregabilidade das persoas participantes ao tempo que contribúen a mellorar servizos para a cidadanía. Estas iniciativas, financiadas polo Goberno galego, tamén reforzan a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e as entidades locais.
No acto a delegada da Xunta informou que o Goberno galego financiará este ano tres obradoiros de emprego para persoas mozas en Santiago de Compostela, en Rois compartido con Dodro e Padrón e en Santa Comba, compartido con A Baña, Negreira e Val do Dubra. A administración autonómica aportará máis de 1,2 millóns de euros para formar a 64 persoas mozas sen emprego nesta área.
Neste caso, o obradoiro Genius cunha achega da Xunta de máis de 438.000 euros para o seu funcionamento, beneficia a 16 persoas. Os estudantes deste taller levarán a cabo o desenvolvemento de aplicacións móbiles de realidade aumentada sobre a ciencia e o talento. A finalidade da app é a de visibilizar o talento da cidade. Un observatorio en liña realizada con ferramentas interactivas, de realidade aumentada e de intelixencia artifical e incorporando redes sociais para reforzar a visibilización a nivel local e internacional para dar a coñecer a "embaixadores-as do talento" da cidade; profesionais de recoñecido prestixio, estudantes e investigadores con premios á excelencia académica, promocionando a súa nominación a premios e actos de recoñecemento a nivel nacional e internacional.
No presente taller de formación a representante do Goberno autonómico resaltou que, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, estas persoas obterán un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación, brindaráselles a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas.
En relación coa convocatoria de axudas deste ano 24-25, en toda Galicia invístense máis de 6,6 millóns de euros para desenvolver 15 obradoiros de emprego para persoas mozas cos que se prevé beneficiar 240 persoas sen traballo. Na provincia da Coruña haberá 6 obradoiros deste tipo, para menores de 30 anos, que combinarán formación e traballo remunerado durante 12 meses, cun investimento de máis de 2,5 millóns de euros e 96 prazas.
A través dos programas seleccionados, a mocidade participante pode adquirir coñecementos en diferentes áreas, como atención sociosanitaria, mantemento de xardíns, viveiros e zonas verdes, traballos forestais, carpintería, cantería, deseño gráfico, dinamización de empresas ou promoción turística, entre outros.
A Xunta de Galicia encárgase de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal...), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado. A acción enmárcase nos programas públicos de emprego-formación que buscan mellorar a ocupabilidade das persoas mozas menores de 30 anos rexistrados no Sistema nacional de garantía xuvenil.
Impulso á empregabilidade
A estes obradoiros para persoas mozas, lanzados en réxime de concorrencia competitiva, puideron presentarse concellos, mancomunidades de municipios e entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades, tendo prioridade os concellos asociados resultantes de fusión e os que tiveran condición de municipios emprendedores.
Para acceder a estes obradoiros, priorízanse as persoas con especiais dificultades de inserción, entre elas emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e as persoas con diversidade funcional.