Así o indicou na presentación do Festival Azul 2024, acompañado pola delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz
O conselleiro do Mar anuncia que a Xunta porá en valor os portos deportivos galegos en 2025
Este esforzo inversor, que será asumido por Portos de Galicia nas contas do vindeiro ano, contribuirá a potenciar estas infraestruturas que xeran un impacto económico, turístico e cultural moi significativo nos concellos nos que se sitúan
Vigo, 17 de outubro de 2024
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, adiantou este xoves que a Consellería que dirixe realizará un esforzo inversor en 2025 nos portos deportivos galegos. Concretamente, o responsable autonómico destacou que o seu departamento, a través de Portos de Galicia, materializará este compromiso cunha partida concreta nas contas do vindeiro ano, dando así un salto cualitativo e cuantitativo para por en valor estas infraestruturas, que pola súa actividade xeran un impacto económico, turístico e cultural moi significativo nos concellos nos que se sitúan.
Villares fixo este anuncio durante a presentación do Festival Azul 2024, na que estivo acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz. Neste senso, felicitou aos organizadores por por en marcha este evento que fomenta a sostibilidade e promove o patrimonio cultural, natural e histórico vencellado ao mar. E é que para o máximo responsable de Mar do Goberno autonómico, vivir Galicia a través a través do mar é a mellor carta de presentación que podemos ter como galegos.
Con estas palabras, o conselleiro expresou publicamente o compromiso da Xunta con este tipo de iniciativas e eventos que aportan valor engadido á actividade socioeconómica dos municipios costeiros. Un bo exemplo, citou, é a colaboración de Portos de Galicia coa área de Turismo da Xunta, a través da que se investiron neste exercicio máis de tres millóns de euros na mellora das infraestruturas dos portos deportivos ou o asesoramento que se presta para que estes obteñan recoñecementos como a Q de Calidade Turística ou a S de Sostibilidade Turística.
Festival Azul 2024
O evento está organizado pola Asociación Clúster Náutico Ría de Vigo; entidade que foi creada hai un ano no marco da estratexia Blue Growth do porto desta cidade para fortalecer o sector náutico.
É un proxecto multidisciplinar que ofrece un amplo programa de actividades abertas a todo tipo de público. Inclúe tanto a práctica deportiva como rutas turísticas por terra e por mar, así como a celebración de xornadas de sensibilización ou de tipo gastronómico con produtos da rías. Celebrarase dende o 24 ao 27 de outubro e en espazos públicos de diferentes puntos da ría viguesa.