A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asistiu ao acto de entrega a título póstumo da Medalla de Ouro da Cámara de Comercio de España a José Sierra Fernández

Lorenzana destaca que os orzamentos da Xunta para 2025 trasladan certezas e confianza ás empresas e fomentan o desenvolvemento económico e industrial de Galicia

Pon en valor que Galicia é a segunda comunidade autónoma onde máis sube a confianza empresarial, segundo datos de Instituto Nacional de Estatística (INE), un 1,7 por cento

Indica que un dos eixes dos orzamentos do seu departamento será afondar na política de acceso a solo industrial para que sexa o máis rápido posible. “Trátase de estar aí para que, no momento en que unha empresa ten capacidade para investir, non perda nin un segundo para que ese investimento se faga realidade”, afirma

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2025, trasladan certezas e confianza ao tecido empresarial e fomentan o desenvolvemento económico e industrial de Galicia.

Lorenzana asistiu ao acto de entrega a título póstumo da Medalla de Ouro da Cámara de Comercio de España a José Sierra Fernández, onde subliñou que “se Galicia ten agora mesmo o nivel de desenvolvemento económico e o grao de crecemento que estamos tendo é, sen dúbida, polo traballo inmenso que leva facendo o tecido empresarial durante tantos anos”, dixo, para remarcar a importancia da colaboración entre Administración e empresas.

A conselleira puxo en valor que Galicia é a segunda comunidade autónoma onde máis sube a confianza empresarial, segundo datos de Instituto Nacional de Estatística (INE); un 1,7 por cento, fronte a unha caída do 1,2% de media que rexistra o conxunto de España. “As administracións temos que participar dese optimismo empresarial e acompañar as empresas para que o seu esforzo dea froitos”, dixo.

Nese sentido, destacou a aprobación por parte do Goberno da Xunta dos Orzamentos para 2025, que esgotan o teito de gasto previsto e acadan os 13.954M€, o que supón un 2,6 % máis que os deste ano (354M€). As contas, lembrou, prevén un crecemento do PIB do 2,1 % para o vindeiro ano e que o desemprego descenda ata o 9,1 %.

No que respecta aos orzamentos da Consellería de Economía e Industria, que crece por riba da media (un 7,6%) ata acadar os 374M€, indicou que unha das liñas estratéxicas será afondar na política de acceso a solo industrial con novas figuras de ordenación para que sexa o máis rápido posible. “Trátase de estar aí para que, no momento en que unha empresa ten capacidade para investir, non perda nin un segundo para que ese investimento se faga realidade”, afirmou.

A conselleira concluíu reivindicando o legado do fundador de Urovesa, José Sierra, e poñendo en valor o compromiso da empresa co seu capital humano e coa formación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2024