A Xunta pon en valor a importancia da colaboración pública á hora de desenvolver proxectos innovadores ligados ao sector forestal e agroalimentario

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe á xornada de divulgación sobre grupos operativos autonómicos organizada pola Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga)

Nela, coñecéronse os resultados de tres iniciativas innovadoras relacionadas coa mellora da xestión na agricultura de precisión con millo forraxeiro, a produtividade micolóxica en piñeiros e os sistemas de regadío nos viñedos

Ademais, presentáronse seis novos grupos operativos e as súas propostas, que foron recentemente aprobadas

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2024

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Cosellería do Medio Rural, Martín Alemparte, asistiu hoxe á xornada de divulgación sobre os grupos operativos autonómicos, organizada pola Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), na que se puxo en valor a colaboración pública á hora de desenvolver proxectos innovadores ligados ao sector forestal e agroalimentario.

Nesta xornada déronse a coñecer os resultados de tres proxectos de innovación, “Millopreciso”, “Cogomelos+” e “Regavid” que están enfocados, respectivamente, na mellora da xestión na agricultura de precisión co millo forraxeiro, na produtividade micolóxica en piñeiros e nos sistemas de regadío nos viñedos.

Ademais, tamén se presentaron seis novos grupos operativos e os seus proxectos, que foron recentemente aprobados. “Bio_MarTerra” é un deles, no que se estuda o efecto da aplicación de bioestimulantes elaborados con algas e estreses abióticos e bióticos en variedades autóctonas de horta, pataca e viña. Tamén se presentou “Multiforest”, centrado na multifuncionalidade e valorización integral do monte a través da Certificación da Cadea de Custodia.

Outras iniciativas que se coñeceron foron “Purinpreciso”, un sistema intelixente de control e documentación dixital de equipos de aplicación de xurros para a optimización do seu uso como fertilizantes, ou “Sueroval”, centrada na revalorización do soro de queixería lácteo para a obtención dun ingrediente de alto valor 100% natural e a elaboración dunha nova gama de produtos alimentarios.

Por outra banda, presentáronse “Guiprogal”, sobre variedades de chícharo adaptadas localmente para aumentar a resiliencia ás condicións ambientais cambiantes, como fonte de proteína para pensos e alimentos, e “Agri-Resval”, focalizado nos procesos de revalorización de residuos de agricultura vertical para a obtención de extractos naturais de alto valor e a súa aplicación na industria alimentaria da pesca.

 Axudas para os grupos operativos

A Consellería do Medio Rural con axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) que contan, desde o ano 2016, cun investimento de case 20 millóns de euros.

 

O obxectivo destas achegas é impulsar a creación e funcionamento de grupos operativos que contribúan á consecución da meta de modernizar a agricultura e as zonas rurais, fomentando e poñendo en común o coñecemento, a innovación e a dixitalización nestas zonas e nas agrícolas, promovendo a súa adopción polos agricultores, mediante a mellora do acceso á investigación, á innovación, ao intercambio de coñecementos e á formación.

Data de actualización: 29/10/2024