A consellería do Medio Rural saca a concorrencia competitiva as parcelas do polígono agroforestal de Oímbra

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a aprobación desta figura contemplada na Lei de recuperación da terra agraria, que abrangue unha superficie total de 21,76 hectáreas, distribuídas en 64 parcelas de 115 propietarios

Este polígono terá como actividade principal os cultivos leñosos e, como secundaria, cultivos agrarios de ciclo curto e gandaría en extensivo

Este é un dos 34 polígonos agroforestais en marcha na nosa comunidade, que supoñen a posta en valor de máis de 9.500 hectáreas distribuídas en preto de 31.600 parcelas propiedade de 9.220 veciños

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola cal se aproba o polígono agroforestal de Oímbra e os pregos para regular o procedemento de concorrencia para a selección de propostas para levar a cabo nas súas parcelas.

Este polígono, situado na provincia de Ourense, foi desenvolvido ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, e abrangue unha superficie de 21,76 hectáreas, distribuídas en 64 parcelas de 115 propietarios. Terá como actividade principal os cultivos leñosos, mentres que como actividade secundaria establece os cultivos agrícolas de ciclo curto e a gandaría en extensivo.

As persoas interesadas en alugar ou comprar unha parcela deberán cumprir unha serie de requisitos de participación, o que inclúe os criterios de solvencia  económica, técnica e profesional e as garantías que deban constituírse para asegurar o mantemento da proposta presentada, así como os criterios de avaliación que permitan seleccionar as mellores propostas presentadas e as obrigas que deban cumprir os participantes e adxudicatarios.

O período habilitado para a presentación de solicitudes é de 15 días hábiles a partir de mañá, día seguinte á publicación desta resolución no DOG, polo que finalizará o 26 de novembro. As propostas poderán presentarse a través da sede electrónica da Xunta.

A maiores dos polígonos agroforestais e as aldeas modelo, a Lei de recuperación da terra agraria conta con outros instrumentos de mobilización, como as agrupacións forestais de xestión conxunta e as permutas de especial interese agrario. Ademais, a estas ferramentas súmanse as reestruturacións e concentracións parcelarias, das cales se axilizarán os procesos, que chegan a máis de 100.000 hectáreas no conxunto de Galicia.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241105/AnuncioO90-181024-0001_gl.html

Data de actualización: 05/11/2024