A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, comparece na Comisión 3ª do Parlamento para explicar as contas do seu departamento para 2025

O orzamento da Axencia Galega de Innovación ascende a 120M€ para 2025

Entre as prioridades deste exercicio atópanse a atracción e retención de talento, a transferencia de coñecemento, o fortalecemento dos centros de investigación e o reforzo das infraestruturas científico-tecnolóxicas

A Axencia Galega de Innovación intégrase por primeira vez na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP co obxectivo de potenciar a I+D+i

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2024

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, compareceu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia para presentar as contas do seu departamento para o ano 2025. Carmen Cotelo apuntou que a Axencia contará cun orzamento de preto de 120 millóns de euros para “consolidar en Galicia un ecosistema de innovación aberta capaz de revitalizar os sectores produtivos facendo fronte aos retos do territorio a través dun crecemento intelixente baseado na ciencia e no coñecemento que permita xerar emprego de calidade, valor para a nosa economía e un impacto tanxible na nosa sociedade”.

Malia que esta cifra non é directamente comparable coa do orzamento completo da Axencia en 2024 dado o traspaso de competencias entre departamentos da Xunta de Galicia, a directora de Innovación apuntou que este orzamento medra un 14,4% respecto de 2024, consolidando un crecemento continuado desde 2014. Precisamente, a adscrición da Axencia á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional persegue impulsar a I+D+i galega sobre a base dunha estreita conexión entre os ámbitos educativo, científico, empresarial, social e administrativo que permita impulsar o talento, a excelencia científica, a transferencia de coñecemento, a innovación colaborativa e o posicionamento do ecosistema e a captación de fondos.

O talento, no centro da política de I+D+i

No centro da política de I+D+i estará o programa de talento, en liña coa prioridade posta nas persoas pola Estratexia de especialización intelixente de Galicia 21-27. A lanzar novas actuacións e consolidar outras que xa teñen demostrado grande impacto en todas as etapas da carreira investigadora, destinaranse 11,8 millóns de euros.

Neste senso, manteranse as axudas ás etapas predoutoral e posdoutoral, para apoiar a súa formación nas etapas iniciais; os doutoramentos industriais, para posibilitar a contratación de estudantes de doutoramento en empresas e centros tecnolóxicos para desenvolver a súa tese nunha contorna empresarial; á consolidación dos grupos de investigación, e á xeración, atracción e retorno do persoal investigador excelente e fomento da excelencia a través do programa Oportunius. Ademais, lanzaranse medidas de posicionamento internacional do ecosistema galego de I+D+i para potenciar a atracción e retorno de talento.

Infraestruturas de computación e cuántica

Por outra banda, fortaleceranse as infraestruturas de computación de altas prestacións e dotarase de novas infraestruturas en tecnoloxías cuánticas para atender as necesidades do ámbito científico. Así, co fin de ampliar as infraestruturas do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e situalo como un centro de referencia a nivel europeo e internacional destinaranse 56 millóns de euros no proxecto global.

En paralelo, seguirá fortalecéndose o sector das tecnoloxías cuánticas mediante o desenvolvemento de distintas iniciativas no marco da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas que lidera a Xunta. As tecnoloxías cuánticas teñen un grande potencial transformador doutros sectores, así como de impulsar un ecosistema forte neste eido, algo que se considera fundamental para impulsar o avance científico e económico de Galicia.

Fortalecemento dos centros de coñecemento

A Axencia Galega de Innovación destinará 15,2 millóns de euros ao financiamento dos centros tecnolóxicos, fundacións de investigación sanitaria e organismos públicos de investigación galegos, a través de varias liñas de apoio: contratos programa para financiar os seus custos estruturais, fortalecemento das infraestruturas e equipamentos dos centros tecnolóxicos para mellorar a súa excelencia, e a apoiar a construción dos centros de investigación empresarial en marcha, como Borgwarner en Nigrán e Mestrelab en Santiago de Compostela.

A Consellería tamén seguirá reforzando a transferencia dos resultados da I+D+i ao mercado como factor de competitividade. Neste sentido, no marco do programa Ignicia, unha iniciativa pioneira que leva apoiada a chegada ao mercado de 32 proxectos de investigación, seguiranse desenvolvendo actuacións  para impulsar o potencial dos profesionais da transferencia. Ademais, implementaranse novas accións como un Plan de apoio aos organismos de investigación da Xunta na valorización e protección dos seus resultados e experiencias piloto de colaboración entre universidades e centros tecnolóxicos na comercialización dos resultados.

No eido da biotecnoloxía, seguiranse promovendo as capacidades de transferencia e posicionamento do ecosistema biotecnolóxico galego e seguirase implementando o Plan complementario de biotecnoloxía aplicada á saúde, orientado ao desenvolvemento de ferramentas de diagnóstico, pronóstico e terapias avanzadas en medicina personalizada.

Lanzamento do programa Nexos

Por último, no ámbito do apoio aos proxectos de I+D+i, estes irán destinados principalmente a fomentar a colaboración público-privada e a reforzar a participación galega no programa marco de I+D+i europeo, Horizonte Europa. Por iso, a Consellería de Ciencia lanza a nova convocatoria Nexos para potenciar a colaboración entre pequenas empresas e axentes de coñecemento, centrada en determinados ámbitos prioritarios e con custos simplificados, ao que se destinarán un total de 20 millóns de euros na convocatoria.

Nese apoio decidido ao tecido empresarial e do coñecemento convocarase unha nova edición de unidades mixtas de investigación, reeditarase a convocatoria de rescate de proxectos Neotec e financiaranse proxectos colaborativos que afronten retos estratéxicos.

Novo Plan galego de investigación e innovación 25-27

Todas estas actuacións enmárcanse na Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2021-2027 (RIS3) que establece unha priorización para unha especialización intelixente de Galicia e no Plan galego de investigación e innovación 25-27, que concreta en programas e actuacións as formulacións estratéxicas da RIS3. Este plan, que está sendo elaborado a través dun amplo proceso participativo, agárdase que recolla iniciativas cun impacto duradeiro, alta mobilización de recursos e efecto multiplicador na economía e sociedade galegas.

Data de actualización: 07/11/2024