A Xunta destaca o valor das charlas nos centros de secundaria a prol dunha orientación profesional libre de estereotipos

Pontevedra, 20 de novembro de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou nun acto da presente edición do programa Ti elixes, que busca fomentar unha orientación profesional libre de estereotipos de xénero. O evento celebrouse no IES Sánchez Cantón, un dos 97 centros de secundaria de Galicia beneficiarios desta iniciativa impulsada polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Alí o secretario xeral fixo fincapé na necesidade de medidas coma esta para concienciar e seguir avanzando na presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados contribuíndo a unha sociedade máis xusta e equitativa. Algún deses sectores son o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro, o do metal ou as TIC e dentro do programa Ti elixes os centros implicados -todos públicos e onde estuda alumnado de 3º e 4º da ESO- acollen charlas a prol de que as mulleres escollan profesión atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por prexuízos ou estereotipos de xénero. No caso da provincia de Pontevedra benefícianse desta iniciativa un total de 32 centros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2024