O delegado territorial destaca o “excelente traballo” levado a cabo polo alumnado do obradoiro dual de emprego ‘FORME 23’
O programa foi posible grazas a un investimento da Xunta de Galicia de máis de 540.000 euros
Reguera resaltou os bos datos de inserción laboral destes obradoiros
Vinte desempregados formáronse nas especialidades de Carpintería de madeira e Albanelería
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 21 de novembro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do obradoiro dual de emprego de Vilagarcía de Arousa ‘FORME 23’.
Neste obradoiro, que tivo unha duración aproximada dun ano e que contou cun investimento da Xunta de máis de 540.000 euros, participaron 20 persoas desempregadas. O alumnado dividiuse entre as especialidades de Carpintería de madeira e Albanelería. Ambas contaron con acceso a unhas prácticas remuneradas durante toda a duración do programa.
Estas prácticas reverteron ademais a favor do propio concello, xa que se centraron na mellora e reparación de varios espazos municipais. Así, o alumnado participou na posta a punto da propia sede do obradoiro; acondicionou varios espazos do centro de formación Matosinhos: reparou beirarrúas e rampas de acceso en varias rúas; e colaborou no mantemento e reparación do mobiliario urbano municipal.
Neste sentido, as actividades levadas a cabo no obradoiro permitiron ao alumnado desenvolver as habilidades necesarias para inserirse no mercado laboral. Tanto é así que algúns dos participantes conseguiron atopar un traballo relacionado co seu sector antes incluso de rematar a formación.
O delegado territorial aproveitou a súa intervención para felicitar a todos os alumnos e alumnas polo seu “fantástico desempeño ao longo destes meses” e destacou os bos resultados que habitualmente teñen estes obradoiros de emprego e que “facilitan a integración laboral daquelas persoas que aínda non tiveron unha oportunidade ou que precisaban dalgunha axuda para topar o seu sitio nun mercado laboral moi competitivo”.
Para rematar, Reguera lembrou os bos resultados que conseguiron a gran maioría de obradoiros que se levaron a cabo este ano e destacou “a enorme taxa de empregabilidade que se está a conseguir, tendo en conta que moitos obradoiros aínda non foron clausurados”.
Este ano tiveron lugar na provincia de Pontevedra 21 obradoiros de emprego, o que supón preto de 11,5 millóns de euros de investimento da Xunta de Galicia.