A Consellería do Mar enxalza o labor do XXXII Gran Capítulo Internacional Confraría do Centolo Larpeiro a prol da promoción do marisco galego
O obxectivo destas xornadas é poñer en valor un dos produtos estrela da gastronomía galega no que participan máis de 500 persoas
O Grove (Pontevedra), 23 de novembro do 2024
A Consellería do Mar enxalza o labor de promoción do marisco galego na celebración do XXXII Gran Capítulo Internacional Confraría do Centolo Larpeiro no municipio pontevedrés de O Grove. Así o manifestou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, quen resaltou a gran variedade e calidade dos produtos do mar que ofrece o litoral galego entre os que o centolo é un dos máis representativos. Nesta liña, tamén destacou a importancia deste tipo de eventos no que se concentran representantes de distintas confrarías gastronómicas de diferentes puntos de España e Portugal contribuíndo a divulgar máis alá da comunidade o sabor dun dos elementos máis destacados da gastronomía da comunidade.
O obxectivo principal destas xornadas é poñer en valor un dos produtos estrela do mar de Galicia, sen embargo, a directora xeral convidou aos participantes a aproveitar a súa estancia para degustar o resto dos produtos que ofrece a costa galega e que son motivo suficiente para volver a visitar en calquera momento do ano. Marta Villaverde trasladou os parabéns aos recen nomeados como novos confrades así como á confraría do Centolo Larpeiro polo seu traballo na divulgación e difusión das calidades gastronómicas do centolo. No que levamos de ano foron capturadas máis de 236 toneladas desta especie por un valor que supera os 2,7 millóns de euros.