A Xunta destaca o talento emprendedor da nosa comunidade no marco do congreso ‘Galicia Emprende: innovación e futuro dixital nas pemes’
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2024
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou esta tarde en Santiago de Compostela no congreso Galicia Emprende: innovación e futuro dixital nas pemes, unha cita que entre hoxe e mañá apostará pola formación, pola innovación e polo intercambio de experiencias para darlle un pulo ao emprendemento na nosa Comunidade. Na súa intervención, Mariño destacou os diferentes relatorios maxistrais sobre dixitalización, sustentabilidade, intelixencia artificial ou comercio electrónico que están previstos co gallo de animar aos negocios a modernizarse e a adaptarse ás novas esixencias do mercado.
Así mesmo, a directora xeral referiuse ao concurso autonómico das empresas emerxentes máis innovadoras e posicionadas que se celebrará no marco deste congreso e cuxos gañadores se darán a coñecer mañá. Unha posta en valor, dixo, do talento galego no marco da estratexia que está a promover a Xunta tras o recoñecemento como Rexión emprendedora europea 2025, pola posta en marcha de ferramentas como a Rede de polos ou os proxectos para atraer nómades dixitais ao noso rural.