A Xunta impulsa as axudas para fomentar a formación e as actividades sobre prevención de riscos laborais
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2024
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado -vía telemática- pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e por representantes das consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes e de Economía e Industria participou hoxe na reunión do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral que avaliou a orde de axudas que en 2025 se destinará a accións de fomento da prevención de riscos laborais e a actividades neste eido cun orzamento de case 2,3 millóns de euros, avanzando ademais na simplificación administrativa xa que se unifican dúas convocatorias previas. O programa está dirixido ás organizacións empresariais e sindicais galegas, sectoriais e intersectoriais, así como ás fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral e ás asociacións de autónomos.
A iniciativa contén dúas liñas de axudas: a primeira está destinada a financiar accións de formación e asesoramento en materia de prevención de riscos laborais de carácter intersectorial e sectorial, mentres a segunda promoverá actividades preventivas tamén de carácter intersectorial ou sectorial. A Xunta outorgará na resolución da convocatoria unha maior puntuación ás entidades atendendo a criterios de paridade nos seus cadros de persoal ou de estabilidade no emprego. Priorizarase a formación en poboación traballadora de máis de 55 anos ou a cualificación en prevención de riscos nas novas formas de organización do traballo e en sectores laborais feminizados.