A Xunta forma a 20 desempregados do Grove en operacións básicas de cociña e de bar e restaurante

O programa foi posible grazas a un investimento da Xunta de Galicia de máis de 540.000 euros

Reguera resaltou os bos datos de inserción laboral destes obradoiros

O Grove (Pontevedra), 10 de decembro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do obradoiro dual de emprego A Lanzada VI, no concello do Grove.

Neste obradoiro, que tivo unha duración aproximada dun ano e que contou cun investimento da Xunta de máis de 540.000 euros, participaron 20 persoas desempregadas. O alumnado dividiuse entre as especialidades de operacións básicas de cociña e de bar e restaurante. Ambas contaron con acceso a unhas prácticas remuneradas durante toda a duración do programa.

Neste sentido, as actividades levadas a cabo no obradoiro permitiron ao alumnado desenvolver as habilidades necesarias para inserirse no mercado laboral. Tanto é así que algúns dos participantes conseguiron atopar un traballo relacionado co seu sector antes incluso de rematar a formación.

O delegado territorial aproveitou a súa intervención para destacar que “este ano máis de 400 persoas desempregadas da provincia de Pontevedra tiveron a oportunidade de formarse grazas a estes obradoiros”.

Para rematar, Reguera lembrou os bos resultados que conseguiron a gran maioría de obradoiros que se levaron a cabo este ano e destacou “a enorme taxa de empregabilidade que se está a conseguir, tendo en conta que algúns obradoiros aínda non foron clausurados”.

Este ano tiveron lugar na provincia de Pontevedra 21 obradoiros de emprego, o que supón preto de 11,5 millóns de euros de investimento da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/12/2024