A Xunta adxudica as obras de humanización de varias prazas do concello de Coristanco
A actuación, impulsada ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta, adxudicouse por importe de 267.565€
Os traballos permitirán acondicionar as prazas de San Antonio e do Cruceiro, na parroquia de San Lourenzo da Agualada, e a rúa e a praza de San Roque, na parroquia de Santa María de Traba
Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2024
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou á empresa Novavial S.L. as obras de humanización de varias prazas de Coristanco, por un prezo de 267.565€.
As actuacións previstas, que se enmarcan no Plan Hurbe da Xunta, permitirán humanizar as prazas de San Antonio e do Cruceiro, no lugar de Agualada, e a rúa e praza de San Roque, na parroquia de Santa María de Traba. Nelas, levaranse a cabo diversas intervencións para unificar os distintos espazos e mellorar a accesibilidade, ademais de substituír elementos danados.
En concreto, as obras na praza de San Antonio céntranse en unificar a praza. Para iso, eliminarase o paso existente que divide a zona da fonte coa Igrexa e utilizarase o mesmo pavimento de pedra existente no resto da praza, para darlle un acabado uniforme a todo o conxunto. Substituiranse así mesmo as baldosas danadas e recolocaranse as árbores existentes no lado da fonte, para ofrecer un mellor acceso á praza.
No que atinxe á praza do Cruceiro, construirase unha plataforma única para integrar o colexio coa zona de xogos infantís, creando unha zona preferentemente peonil e facilitando a accesibilidade da zona, coa desaparición das estreitas beirarrúas e a creación dun espazo máis amplo. O acceso rodado será nunha única dirección.
Así mesmo, prevese a plantación de árbores, a colocación de farois ao longo da devandita plataforma e a creación dunha zona de aparcamento. Tamén se colocará un valado sobre o muro da zona de xogos e a obra completarase coa retirada e soterramento do cableado e a recollida das augas pluviais ao final da rúa.
Por outra banda, na rúa e na praza de San Roque, a intervención persegue dar un mellor acceso á praza desde o centro do pobo, para o que se ampliarán as beirarrúas no inicio da rúa de actuación. Prevese que o sentido de circulación de vehículos na praza sexa único.
Ademais, dotarase de iluminación á zona, unificaranse os paseos e recolocaranse bancos, farois e papeleiras existentes. Tamén se regularizará o acceso á área de xogos e delimitaranse a zona de aparcamentos ao redor da praza e un carril bici no lado oposto aos aparcamentos.
Os traballos fináncianse a través do convenio asinado entre a Xunta e o Concello ao abeiro do Plan Hurbe, impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar intervencións de mellora de equipamentos das contornas urbanas e recuperación do espazo público. O Goberno galego cofinancia nun 70% as intervencións, contratará e executará as obras. Pola súa banda, o Concello de Coristanco achegará o 30% restante.