A Xunta simplifica a habilitación dos libros de subcontratación na construción mediante a tramitación telemática

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola que se aproba o modelo de solicitude de habilitación destes libros a través da sede electrónica da Xunta de Galicia

O novo procedemento —moi demandado polo sector— entrará en vigor este xoves 2 de xaneiro co obxecto de aportar eficiencia, rapidez e seguridade

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola que se aproba o modelo de solicitude de habilitación dos libros de subcontratación requiridos na promoción das obras de construción. Así, os contratistas xa non terán necesidade de acudir fisicamente ás xefaturas territoriais da Consellería para habilitar eses libros, senón que poderán solicitar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia a habilitación precisa para darlles validez.

A tramitación telemática entrará en vigor este xoves 2 de xaneiro. Máis aló de adaptar o modelo do libro preciso para poder subcontratar na construción, o novo procedemento busca dar resposta á elevada demanda deste procedemento, así como á súa deslocalización, ao poder atoparse as obras en puntos moi distantes das capitais de provincia galegas. Deste xeito, a través da tramitación electrónica búscase facilitar unha xestión eficiente, rápida e segura do procedemento de subcontratación na construción.

En concreto, poderán solicitar a habilitación do libro de subcontratación aquelas persoas físicas ou xurídicas que ostenten a condición de contratistas, sempre con carácter previo á subcontratación cun subcontratista ou cun traballador autónomo de parte da obra que teñan contratada. Mentres, os promotores que contraten directamente traballadores autónomos para a realización da obra ou de determinados traballos dela tamén solicitarán o libro de subcontratación.

Cómpre engadir que para solicitar a habilitación do libro de subcontratación a persoa contratista deberá estar inscrita no Rexistro de Empresas Acreditadas como contratistas ou subcontratistas no sector da construción da nosa Comunidade. Exceptúase deste requisito previo a persoa promotora que contrate directamente traballadores autónomos para a realización da obra ou de determinados traballos desta.

A persoa contratista deberá ter previamente comunicada a apertura ou reanudación da actividade de centros de traballo en obras de construción.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241230/AnuncioG0767-181224-0005_gl.html

Data de actualización: 30/12/2024