A Xunta reafirma o pulo á economía social como motor socioeconómico cunha nova convocatoria do certame Cooperativismo no ensino e dos Premios á cooperación

Estes recoñecementos publicaranse por primeira vez nunha única orde co fin de avanzar na simplificación administrativa e na difusión deste modelo empresarial

O certame escolar estará aberto á participación do alumnado de infantil, primaria, secundaria, educación especial, formación profesional e ensinanzas de réxime especial

Cos galardóns de cooperación, o Executivo galego premiará a entidade que destaque polos valores cooperativos, o mellor proxecto novo e a traxectoria dunha cooperativa

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina este ano á economía social máis de 44 millóns de euros, superando nun 2,7% os orzamentos de 2024 ao efecto

Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2025

A Xunta convocará neste 2025 —por primeira vez de xeito unificado— o certame Cooperativismo no ensino e os Premios á cooperación co fin de avanzar na simplificación administrativa e na difusión dos valores deste modelo empresarial solidario e pegado ao territorio. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinará a esta convocatoria 43.000 euros (28.000 € para o certame educativo e 15.000 € para o outro) no marco da aposta autonómica a prol da economía social, ámbito para o que nos orzamentos deste ano hai consignados máis de 44 millóns de euros, superando nun 2,7% os de 2024.

Así, esta convocatoria contribúe a visibilizar o importante papel do cooperativismo como motor de crecemento económico sustentable, que crea emprego de calidade, integrador e asentado no territorio contribuíndo a xerar actividade e a fixar poboación no rural. Foi avaliada no último Consello da Xunta do 2024, ao igual que a orde para fomentar o emprego e a mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais (Aprol Economía Social), cun presuposto de 5 M€ para este ano co que se prevé beneficiar unhas 170 entidades e promover a incorporación de 325 persoas socias.

Detalles da convocatoria

En relación con Cooperativismo no ensino, o certame estará aberto á participación de centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial, do mesmo xeito que na última edición na que participaron 25 centros educativos.

As rapazas e rapaces poderán presentar os seus traballos en tres modalidades diferentes. A primeira é de actividades artísticas e está dirixida a educación infantil, primaria e educación especial. A segunda correspóndese con actividades cooperativizadas para educación secundaria obrigatoria e educación especial e a terceira é a de proxectos empresariais cooperativos, destinada a centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.

Pola súa banda, aos Premios á cooperación poden optar todas as cooperativas galegas que teñan destacado polo seu traballo, que estean ao día das súas obrigas e que non resultaran recoñecidas en anos anteriores. Ao igual que en edicións previas —como a última, na que participaron 14 cooperativas— as modalidades da convocatoria son tres: premio aos valores cooperativos, ao mellor proxecto cooperativo novo e á traxectoria cooperativa, cada un dotado con 5.000 euros.

O premio aos valores cooperativos outorgarase á entidade que máis teña destacado no impulso dos valores e principios cooperativos recoñecidos como a adhesión voluntaria e aberta, a xestión democrática, e equidade, a solidariedade, a transparencia, a educación e formación ou o interese demostrado en favor da comunidade, entre outros. Na categoría de mellor cooperativa nova, recoñecerase unha entidade cunha antigüidade igual ou menor a 42 meses, que destaque polas contribucións nos aspectos sociais, económicos, culturais ou ambientais. Por último, o galardón á mellor traxectoria diríxese a cooperativas con máis de 42 meses de antigüidade e que teña resaltado, entre outros, pola solidez dos resultados económicos acadados, a xeración de postos de traballo, as relacións de intercooperación ou a expansión territorial do seu negocio.

Aposta pola economía social 

Estes recoñecementos son unha das accións que promove a Xunta para da visibilidade ao potencial da economía social no ámbito do emprendemento e para a creación de emprego de calidade vinculado ao territorio. A eles súmanse outros apoios como os destinados a apoiar os centros especiais de emprego, á creación e mantemento do emprego en empresas de inserción ou á formación dual para persoas con discapacidade intelectual.

Ademais, o Goberno galego ofrece distintas achegas para promover a creación e consolidación de empresas e emprego no ámbito da economía social, así como para fomentar e visibilizar este modelo empresarial a través do apoio ás entidades integrantes da Rede Eusumo, entre outros. 

Data de actualización: 06/01/2025