O Servizo Galego de Saúde publica a relación provisional de admitidos no concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario

Resultan admitidos provisionalmente 4.032 aspirantes para un total de 236 prazas

Da totalidade das persoas admitidas provisionalmente, 2.623 son persoal sanitario de formación profesional e 1.409 persoal de xestión e servizos

A categoría con maior número de admitidos é a de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico, con 1.601, seguida do grupo de xestión da función administrativa

Preto do 94 % das persoas admitidas están exentas de realizar a proba de lingua galega por estar en posesión do correspondente certificado oficial acreditativo

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde polas que se dá publicidade á relación provisional de admitidos e excluídos, así como os exentos e non exentos do exercicio de lingua galega, no concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal sanitario de formación profesional e de xestión e servizos.

Nestes procesos selectivos ofértanse un total de 236 prazas, das cales 158 corresponden a diversas categorías de persoal sanitario de formación profesional, en concreto, 8 corresponden á técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía; 16 a técnico superior en dietética; 13 a técnico superior en documentación sanitaria; e 121 a técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico.

Para o persoal de xestión e servizos ofértanse 78 prazas, das cales 9 corresponden á categoría do grupo técnico da función administrativa; 26 ao grupo de xestión da función administrativa; e 43 ao grupo auxiliar da función administrativa (prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual).

Resultaron admitidos, con carácter provisional, un total de 4.032 aspirantes inscritos: 629 pola quenda de promoción interna, 3.112 pola quenda de acceso libre e 138 pola quenda de discapacidade xeral. 

Na categoría do grupo de auxiliar administrativo, na cal se convocaron prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, resultaron admitidas 153 persoas, das cales 8 accederon pola quenda de promoción interna por teren obtido anteriormente unha praza das mesmas características e cumprir os requisitos de acceso para poder acceder por esta quenda.

Da totalidade das persoas admitidas provisionalmente, 2.623 son persoal sanitario de formación profesional e 1.409 persoal de xestión e servizos. A categoría con maior número de aspirantes admitidos é a de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico, con 1.601, seguida do grupo de xestión da función administrativa, con 891.

Do total de admitidos, preto do 94 % están exentos de realizar a proba de lingua galega por estar en posesión do correspondente certificado oficial acreditativo do nivel de coñecemento de lingua galega.

Expediente electrónico

As listas coa relación provisional de admitidos e excluídos e os aspirantes exentos e non exentos do exercicio de lingua galega atópanse publicadas, ao dispor das persoas usuarias, na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e, no apartado de “Procesos”.

Os aspirantes excluídos e os non exentos do exercicio de lingua galega, así como os que tendo presentado correctamente a solicitude de participación no proceso non consten como admitidos nin excluídos na relación publicada, dispoñen de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, é dicir, do 22 de xaneiro ao 4 de febreiro, para presentar reclamación. Esta reclamación deberá ir dirixida á mesma Unidade de Validación á que dirixiron a instancia de participación, e poderán corrixir o defecto que motivou a súa exclusión ou a declaración de non exención do exercicio de galego.

O Servizo Galego de Saúde habilitou un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.

Data de actualización: 21/01/2025