Belén do Campo reúnese co alcalde de Vilarmaior para seguir avanzando nas vías de colaboración entre ambas administracións
Vilarmaior (A Coruña), 29 de xaneiro 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, reuniuse co alcalde da Vilarmaior, Carlos Vázquez Quintián. No encontro repasaron as necesidades deste Concello para mellorar a calidade de vida dos seus veciños.
A delegada da Xunta tamén informou da apertura do prazo, hoxe cun período dun mes, tras saír publicada onte no DOG, da nova convocatoria da orde de Infraestruturas de uso público da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, dotada con 3,5 millóns de euros. A representante do Goberno autonómico lembrou que, o ano pasado, Vilarmaior recibiu máis de 33.000 euros que lle permitiu levar a cabo a mellora do firme do vial O Castelo Grelleira e animou ao alcalde a volver a presentarse a esta convocatoria xa que vai dirixida a realización de actuacións nas redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; e as obras en prazas, parques, paseos e rúas. A estas engádense a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais, así como a mellora da súa accesibilidade ou a dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.
Os dous representantes públicos coincidiron na necesidade de seguir reforzando os vínculos locais para contribuír ao desenvolvemento sustentable dos municipios galegos.