Medio Rural entrega os títulos da parcelaria da Graña, en Xunqueira de Ambía, que beneficia 387 propietarios e supón mobilizar máis de 400 hectáreas
A conselleira María José Gómez presidiu esta mañá o acto de entrega e subliñou que con estes procesos palíase o minifundismo, afóndase na redución ou reversión do abandono das terras produtivas e mellóranse as actividades agrogandeiras e forestais
Lembrou que desde o ano 2020 o Goberno galego rematou un total de 33 parcelarias e que, ao tempo, desde o 2021 se decretaron outros 29 novos procesos
Salientou outras ferramentas impulsadas pola Xunta para mobilizar terras e para apoiar a remuda no sector, caso dos instrumentos da Lei de recuperación, o Banco de terras ou o Banco de explotacións
Xunqueira de Ambía (Ourense), 14 de febreiro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e polo alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, presidiu esta mañá o acto de entrega de títulos de propiedade da concentración parcelaria da Graña, neste municipio ourensán.
Este proceso abrangue unha superficie de 413 hectáreas e beneficia un total de 387 propietarios. Mediante o seu desenvolvemento, pasouse de máis de 4.300 parcelas a 848, cunha superficie media dos predios que se ampliou desde os 813 aos preto de 4.000 m² e cun investimento total, por parte da Xunta, de preto de dous millóns de euros. Estes fondos propiciaron, entre outras actuacións, a realización dunha rede de camiños que supera lixeiramente os 21 quilómetros.
A conselleira do Medio Rural puxo en valor estes datos, así como o feito de que o termo municipal de Xunqueira de Ambía teña xa concentrado case o 37% do seu territorio. Ademais, María José Gómez felicitou os propietarios por recibiren os seus títulos e subliñou que, a través das parcelarias, contribúese a paliar o minifundismo, á vez que se procura reducir e reverter o abandono das terras produtivas, mellorando as condicións de desenvolvemento das actividades agrícolas, gandeiras e forestais.
Nesta mesma liña, a titular de Medio Rural afirmou tamén que a Xunta continúa apostando polos procesos de concentración parcelaria para incrementar o valor das terras, á vez que aumenta a base territorial das explotacións e se reducen os seus custos de produción.
Procesos novos e xa rematados
Como demostración desta aposta, lembrou que desde o ano 2020 o Goberno galego rematou un total de 33 concentracións parcelarias, que abarcan unha superficie total de máis de 22.800 hectáreas, beneficiando algo máis de 17.600 propietarios que recibiron uns 37.600 títulos de propiedade. Ao tempo, sinalou Gómez, desde o ano 2021 se decretaron 29 novas parcelarias, que abarcan máis de 24.700 hectáreas e máis de 112.000 parcelas de arredor de 16.300 titulares. Puxo ademais de relevo os investimentos realizados nos distintos procesos de concentración, que supuxeron unha achega de máis de 140 millóns de euros dende o ano 2009, sendo o orzamento previsto para 2025 de preto de 14 millóns de euros.
Outras ferramentas de apoio
En parecidos termos, a conselleira salientou outras ferramentas impulsadas pola Xunta para mobilizar terras e apoiar a remuda no sector, como son os instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria, que -destacou- a través de figuras como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, conseguiron mobilizar máis de 10.000 hectáreas en toda Galicia.
Do mesmo xeito, a conselleira referiuse tamén ao Banco de Terras, que permite poñer en contacto a propietarios de terra e parcelas con aquelas persoas interesadas en alugalas para desenvolver actividades relacionadas coa agricultura e a gandaría. En relación coa remuda, trasladou que se acaba de poñer en marcha o Banco de Explotacións, unha ferramenta que procura garantir a remuda xeracional e o contacto entre persoas titulares de explotacións que cesan ou van cesar a súa actividade e as interesadas en asumir a súa xestión, mediante compra ou arrendamento. Unha medida que irá acompañada, remarcou Gómez, dunha liña de axudas específica dotada con 2,1 millóns de euros ata o ano 2029.
A conselleira concluíu que o obxectivo común de todas estas ferramentas é impedir, e mesmo reverter, o abandono de terras no rural. Ao mesmo tempo, resultan útiles tamén para protexer o medio ambiente, creando emprego e apoiando na prevención e defensa das persoas e os seus bens fronte os lumes forestais, rematou.