Medio Rural pon en valor os produtos galegos de calidade diferenciada no VIII Túnel do Viño de Amandi en Sober
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou na experiencia gastronómica Saborea Sober, que combinou os viños da DO Ribeira Sacra coa Rosca de Sober e diferentes produtos agroalimentarios galegos
Destacou o potencial de unir viño, gastronomía e territorio para achegar ao consumidor a diversidade, calidade e singularidade das producións galegas
A Consellería destina este ano máis de 10 millóns de euros ao Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, dous millóns máis que en 2025
Sober (Lugo), 11 de agosto de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, participou hoxe no VIII Túnel do Viño de Amandi, celebrado no marco da Feira da Rosca de Sober, onde asistiu á experiencia gastronómica Saborea Sober. Unha proposta que uniu os viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, a Rosca de Sober e diferentes produtos agroalimentarios galegos para mostrar, a través da gastronomía, a calidade, diversidade e identidade das producións de Galicia.
A experiencia tivo como fío condutor a Rosca de Sober, reinterpretada en diferentes elaboracións e combinada con produtos galegos de calidade diferenciada. Así, degustouse un pani puri de rosca con queixo de produción ecolóxica, verduras encurtidas e sardiña afumada; unha tosta de Rosca de Sober con Lacón Galego IXP, castaña ecolóxica e chourizo de porco celta de Artesanía Alimentaria; unha crema de queixo de Artesanía Alimentaria con pera caramelizada, aceite elaborado coas variedades autóctonas Brava e Mansa de Artesanía Alimentaria, froitos secos e rosca tostada; e unha tarta de queixo con Rosca de Sober e marmelo.
A proposta permitiu maridar os viños de Amandi cunha gastronomía construída arredor dos produtos galegos e da súa orixe, convertendo o Túnel do Viño nun escaparate conxunto da riqueza vitivinícola e agroalimentaria do territorio. Unha combinación na que estiveron representadas diferentes figuras de calidade, desde as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas ata a Agricultura Ecolóxica e a Artesanía Alimentaria.
Neste sentido destacou que iniciativas coma Saborea Sober permiten combinar tradición e innovación gastronómica, partindo de produtos vinculados ao territorio para ofrecer novas formas de presentalos e achegalos ao consumidor. Así, salientou que innovar tamén significa explorar novas posibilidades para as producións tradicionais, adaptándoas ás novas formas de consumo sen perder a súa identidade e contribuíndo a incrementar o seu coñecemento e valor.
O director da Axencia incidiu ademais no papel da calidade diferenciada como ferramenta para xerar valor engadido. Os seus distintivos permiten ao consumidor identificar produtos cunha orixe e unhas características diferenciais, ofrecendo garantías de autenticidade e calidade e contribuíndo, ao mesmo tempo, a fortalecer as explotacións e industrias agroalimentarias, manter actividade económica no rural e facer territorio.
Nesta liña, lembrou a aposta da Xunta a través do Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, ao que a Consellería do Medio Rural destina este ano máis de 10 millóns de euros, dous millóns máis que en 2025, co obxectivo de reforzar a promoción destas producións, incrementar a súa visibilidade e mellorar o seu posicionamento nos mercados.
Alemparte salientou que accións coma a desenvolvida en Sober contribúen precisamente a este obxectivo: que o consumidor coñeza, identifique e valore os produtos galegos e que ese recoñecemento se traduza en maior valor para quen os produce e para os territorios nos que nacen.