A Xunta lembra que o prazo de presentación de solicitudes do programa Investigo 2025 remata o vindeiro martes 4 de marzo

A nova edición, dotada con 4,8 millóns de euros, está avalada polo precedente de que arredor do 52% dos beneficiarios das convocatorias anteriores continúan a traballar nas empresas que confiaron neles

Por primeira vez, resérvase 1 millón de euros do orzamento para as entidades privadas sen ánimo de lucro que teñan como actividade principal a I+D+i

Entre os anos 2022 —cando se estreou o programa— e 2024, a Xunta destinou máis de 27 millóns de euros a esta iniciativa, con máis de 210 empresas beneficiarias que posibilitaron case 900 contratacións de persoas mozas 

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2025

A Xunta lembra que o prazo para solicitar ás axudas do programa Investigo 2025 pecha o vindeiro martes, 4 de marzo.  Nesta nova edición destínanse máis de 4,8 millóns de euros de orzamento para apoiar a contratación de menores de 30 anos no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación. Por primeira vez, a iniciativa intégrase na nova Estratexia Mocidade Activa do Goberno galego para impulsar as oportunidades laborais e reter o talento da xente nova, que —tan só no caso da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración— estará dotada con 20 millóns de euros.

A previsión é fomentar a contratación de máis de 200 persoas en función dos módulos salariais que se apliquen, avaladas polo precedente de que arredor do 52% dos beneficiarios das convocatorias anteriores continúan a  traballar nas empresas que confiaron neles no marco do programa Investigo.

Como novidade nesta convocatoria, resérvase 1 millón de euros do presuposto para as entidades privadas sen ánimo de lucro e personalidade xurídica propia que teñan como actividade principal a I+D+i.

Detalles da convocatoria

Co programa Investigo, a Administración autonómica apoia a contratación de persoas mozas como investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais en I+D+i en empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), así como en calquera outra radicada en Galicia que desenvolva a súa actividade no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación. 

As contratacións formalizaranse na modalidade de contrato indefinido a tempo completo, por un período máximo subvencionado de 12 meses. As persoas beneficiarias finais, de entre 16 e 30 anos, deben atoparse en situación de desemprego e estar inscritas como demandantes de emprego no momento de comezar a relación contractual.

En concreto, as achegas da Xunta permitirán financiar a contratación por conta allea das mozas e mozos e oscilarán entre os 22.405,92 e 33.108,84 euros por persoa segundo os módulos que se apliquen, cubrindo os custos laborais e salariais. 

Canto aos campos de traballo, as persoas contratadas levarán a cabo as súas actividades preferentemente en eidos como o da transición ecolóxica, economía verde (enerxías renovables, eficiencia enerxética, tratamento de augas e de residuos e industria agroalimentaria) e dixitalización de servizos, enxeñaría de datos e data science. As iniciativas poderán desenvolverse tamén en ocupacións referidas á sanidade e investigación.  Cómpre engadir que entre os anos 2022 —cando se estreou o programa Investigo—  e 2024, a Xunta destinou máis de 27 millóns de euros a este plan, cun total de 213 empresas beneficiarias que posibilitaron 863 contratacións de persoas mozas.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250128/AnuncioG0767-271224-0009_gl.html

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/03/2025