A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático compareceu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia

A Xunta ultima a creación da Oficina de Cambio Climático co fin de consolidar os avances neste eido e que Galicia siga de referente como refuxio climático

Este instrumento, que se porá en marcha nos vindeiros meses, encargarase de facer un seguimento do cumprimento das medidas do Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima 2030, que prevé mobilizar preto de 1.800 millóns de euros

O fin último é acadar a neutralidade climática en 2040 mantendo a senda pola que a temperatura media en Galicia subiu a un ritmo de 0,20 graos centígrados por década desde 1961, fronte ao incremento de 0,25 graos do conxunto de España

Paula Uría pon en valor iniciativas pioneiras na loita contra o quecemento global como a creación do programa Mocidade polo Clima ou as axudas a concellos para proxectos que promovan infraestruturas verdes en zonas urbanas e periurbanas

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático traballa para blindar a seguridade xurídica dos proxectos renovables coa retramitación dos parques eólicos suspendidos que o soliciten ao tempo autoriza repotenciacións voluntarias

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2025

A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, compareceu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento onde avanzou que a Xunta vai poñer en marcha nos vindeiros meses a Oficina de Cambio Climático de Galicia co fin de facer un seguimento das medidas do II Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima 2030 (PRIEC). Ambos instrumentos buscan consolidar os avances na loita contra o quecemento global acadados nos últimos anos e que a comunidade siga sendo un referente a nivel nacional como refuxio climático, o que contribuirá a acadar a neutralidade climática en 2040.

A representante do Executivo galego salientou que a Administración autonómica ten clara a súa estratexia para os vindeiros anos e que ao abeiro do PRIEC 2030 se porán en marcha 93 medidas en sectores prioritarios como a enerxía, a mobilidade, a xestión da auga e dos residuos ou a protección dos ecosistemas coa mobilización de preto de 1.800 millóns de euros. Este investimento supón un incremento do 55% en relación co plan desenvolvido entre 2019 e 2023 ao aumentar un 33% orzamento no bloque de mitigación do cambio climático e duplicarse nos apartados relativos á dimensión social, á gobernanza e á sensibilización da cidadanía.

Esta planificación busca consolidar e reforzar os bos resultados acadados por Galicia nos últimos anos e décadas, que a converten nun auténtico refuxio climático dentro de España. De feito, desde 1961 a temperatura media subiu na comunidade galega a un ritmo de 0,20 graos centígrados por década, fronte ao incremento de 0,25 graos de media nacional. Outros datos que confirman o liderado de Galicia na acción climática son a redución das emisións contaminantes (-59,8%) -por enriba dos obxectivos europeos para 2030 (-55%)- e a súa maior capacidade para absorber dióxido de carbono, con arredor dunha de cada cinco capturadas en España.

Paula Uría destacou que a Xunta busca manter a boa senda na loita contra o cambio climático implicando ao conxunto da cidadanía con ferramentas como a Rede local polo clima -con 285 concellos adheridos e o obxectivo de chegar aos 313- ou a Alianza Galega polo Clima, que xa conta con preto de 200 empresas e entidades adheridas. A maiores, lembrou iniciativas como o programa de sensibilización e formación Mocidade polo Clima, que pretende concienciar ás novas xeracións sobre os retos e oportunidades que ofrece o escenario de cambio climático.

A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático tamén puxo en valor iniciativas pioneiras como a convocatoria de axudas aos concellos para proxectos que promovan infraestruturas verdes nas zonas urbanas e periurbanas, dotada con 2 millóns de euros. Esta liña de achegas pretende contribuír a crear contornas máis resilientes, sostibles e saudables baseadas na natureza dotando as cidades de pulmóns verdes.

Importancia das renovables

A representante da Xunta incidiu ademais en que, para acadar a neutralidade climática en 2040, é fundamental intensificar o despregue das enerxías renovables e a eliminación progresiva dos combustibles fósiles en todos os ámbitos que sexa posible. Nesta liña, lamentou a parálise no desenvolvemento de proxectos eólicos na comunidade polas suspensións decretadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Neste sentido, Paula Uría salientou que o Executivo galego está a traballar para blindar a seguridade xurídica dos proxectos de enerxías renovables coa retramitación dos parques suspendidos que voluntariamente o soliciten -tendo en conta o interese público superior destas iniciativas- así como coa repotenciación daqueles que o precisen para mellorar a súa eficiencia e minimizar o impacto no territorio e na paisaxe.

A importancia da enerxía eólica queda de manifesto no feito de que case a metade da potencia enerxética galega procede da enerxía eólica, con 190 parques en funcionamento, e a súa implantación evita a emisión á atmosfera de máis de 3,8 millóns de toneladas de dióxido de carbono. Deste xeito, puxo en valor a directora xeral, este tipo de enerxía convértese nun gran aliado na loita contra o quecemento global, tal e como recoñece a propia Comisión Europea.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/03/2025