A Xunta realiza labores de conservación en varios ríos, nos concellos de Baiona e Gondomar, que suman 5,3 km
As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante 11 semanas e inclúen a retirada de árbores caídas e biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos
Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2025
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar esta semana actuacións de conservación e mantemento en varios tramos de ríos, nos concellos de Baiona e Gondomar, que suman 5,3 quilómetros.
As tarefas, que se desenvolverán en vaias parroquias deses municipios, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos, así como na eliminación de especies exóticas invasoras.
En concreto actuarase nun tramo de preto de 2,3 quilómetros do río Groba ao seu paso polas parroquias de San Lourenzo de Belesar, San Martiño de Barreiros e Santa Cristina de Ramallosa; noutro de máis de 1,1 quilómetros no río Baíña -parroquia de Santa Mariña-, e nun terceiro de 1,5 quilómetros no rego das Tres Regueiras, en Santa María de Baredo. A maiores, tamén se traballará en dous ríos innominados nas parroquias de Santa Mariña de Baíña e San Lourenzo de Belesar, que suman preto de 400 metros.
Os traballos, que xa foron comunicados aos concellos, prolongaranse durante unhas 11 semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras, e co apoio doutra maquinaria de maiores dimensións, como un tractor e unha carretilla de carga.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo dependente do Executivo galego, este tramo fluvial quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación.
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.