Medio Rural salienta o potencial económico dos selos de calidade diferenciada galegos cun valor de preto de 700 millóns de euros
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe nunha reunión cos consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas recoñecidas en Galicia no ámbito agroalimentario
Salientou o labor de vixilancia que exercen estes organismos para certificar a excelencia das producións galegas, amparadas por 36 distintivos diferentes
Ademais, reafirmou o apoio do Goberno autonómico aos consellos reguladores e cualificounos como “grandes embaixadores” da nosa comunidade á hora de protexer a calidade das elaboracións certificadas
Boqueixón (A Coruña), 11 de marzo de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, mantivo hoxe unha reunión de traballo cos consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas recoñecidas en Galicia no ámbito agroalimentario, ás que se lle suma o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.
Na xuntanza, celebrada no Pazo de Quián en Sergude (Boqueixón), a titular do departamento salientou o potencial económico de todos os selos de calidade diferenciada recoñecidos na nosa comunidade. Neste sentido, destacou que o seu valor estimado é de preto de 700 millóns de euros, segundo os últimos datos dispoñibles, e cualificounos como axentes dinamizadores da economía galega que contribúen, ao mesmo tempo, á conservación do territorio, da paisaxe e da poboación no rural.
María José Gómez expresou a importancia de encontros coma este pola oportunidade de intercambiar impresións e analizar os asuntos que afectan no día a día. Ademais, engadiu que é “fundamental” dispoñer de xornadas así polo “importante” papel que xogan a nivel económico, social e cultural estes distintivos que amparan a calidade dos produtos agroalimentarios galegos.
Galicia, sinónimo de garantía alimentaria
A conselleira do Medio Rural fixo fincapé en que Galicia é sinónimo de garantía alimentaria e salientou o “rigoroso” traballo dos produtores, da promoción desenvolvida e da vixilancia que exercen os consellos reguladores para certificar a calidade das elaboracións. Nesta liña, puxo en valor os 36 selos cos que conta a nosa comunidade, o que a sitúa como a terceira de España con máis denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas.
Por iso, sinalou, o Goberno galego mantén o seu compromiso de colaboración cos consellos reguladores para que poidan desenvolver o seu labor dentro dos parámetros de calidade que se lles esixen e velar por que se cumpra, polo que este apoio se fai máis importante. “Son grandes embaixadores de Galicia e sempre contarán co Goberno da Xunta á súa disposición para axudar”, resaltou.