Medio Rural destina 2 M€ neste 2025 para favorecer a información e promoción de produtos agroalimentarios de calidade diferenciada

Así o destacou a titular deste departamento nunha visita á queixería Queinaga, no concello coruñés de Curtis

María José Gómez explicou que o obxectivo destas axudas é mellorar a posición dos agricultores na cadea de valor e a información que teñen os consumidores sobre os produtos certificados; impulsando a súa comercialización e inducindo ao seu consumo

A conselleira referiuse ao “importante esforzo económico” para apoiar as producións de calidade diferenciada, xa que dende 2016 puxéronse a disposición do sector máis de 35 millóns de euros só neste concepto

Curtis (A Coruña), 13 de marzo de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou a importancia das achegas para impulsar a información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos amparados por réximes de calidade. Estas axudas contan cun orzamento total de tres millóns de euros distribuídos en dúas anualidades, dous millóns para 2025 e un millón para 2026.

Así o salientou a titular de Medio Rural está mañá nunha visita ás instalacións da queixería Queinaga, no concello coruñés de Curtis, un dos maiores produtores de queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida (DOP). Estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; e polo alcalde desta localidade, Javier Caínzos.

María José Gómez explicou que o obxectivo destas axudas é mellorar a posición dos agricultores na cadea de valor e a información que teñen os consumidores sobre os produtos certificados; impulsando a súa comercialización co conseguinte beneficio á industria agroalimentaria, así como para os agricultores e gandeiros que producen estes alimentos. Asemade, procúrase favorecer a introdución nos mercados deste tipo de produtos e inducir o seu consumo entre a poboación, remarcou a conselleira.

Con este orzamento poderanse realizar aquelas accións que induzan ao consumo e que se desenvolvan no marco de accións promocionais, publicitarias ou de información, e de difusión dos requisitos técnicos dos réximes de calidade e os coñecementos científicos relacionados con el.

Ao mesmo tempo poderán subvencionarse a organización de misións comerciais; a elaboración de plans estratéxicos; estudos técnicos; de mercado ou de concepción; así como a creación de produtos e a preparación de material divulgativo. Así, poderán ser obxecto destas achegas a promoción de accións dirixidas á organización, o patrocinio e a participación en foros, o intercambio de coñecemento, exposicións ou feiras, entre outros.

A conselleira lembrou que poderán beneficiarse das axudas aquelas agrupacións nas que participen produtores de alimentos galegos acollidos a algún dos 38 selos de calidade diferenciada que temos na nosa comunidade.

Neste sentido, Gómez referiuse ao “importante esforzo económico” para apoiar as producións de calidade diferenciada, xa que dende 2016 puxéronse a disposición do sector máis de 35 millóns de euros só neste concepto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/03/2025