A Xunta impulsará unha norma de microcredenciais pioneira en España para potenciar a capacitación laboral aliñada coas necesidades do tecido produtivo
Destaca que ante o inmobilismo do Goberno central fronte ás recomendacións europeas neste ámbito, Galicia considera estratéxico blindar un modelo formativo áxil, flexible e non regrado que responda aos requirimentos das empresas
Sinala que mediante estas tipoloxías formativas os traballadores adquiren dun xeito rápido e sinxelo novos coñecementos e habilidades nun mercado de traballo dinámico e en constante cambio
A apertura do prazo de consulta pública estará vixente desde mañá 18 de marzo e ata o 21 de abril de 2025 para que cidadanía, organizacións e asociacións poidan trasladar as súas opinións e achegas
O futuro decreto permitirá afondar na aposta integral da Xunta por unha formación flexible para o emprego, consolidando outras medidas xa en marcha á carta do tecido empresarial, como as unidades formativas ou os bonos talento empresa
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta impulsará unha norma de microcredenciais pioneira en España para potenciar a capacitación laboral aliñada coas necesidades do tecido produtivo.
En palabras do titular do Goberno galego, esta medida está relacionada coa aposta da Xunta pola “microformación a través do sistema de microcredenciais”, “algo polo que a Unión Europea aposta” e que serve para cambiar o sistema de formación ao “adquirir rapidamente e dun xeito sinxelo” novos coñecementos e habilidades útiles para novas liñas de produción ou actividades “nun mercado de traballo dinámico”.
Neste sentido, no Consello da Xunta celebrado hoxe, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, informou hoxe do acordo de inicio do procedemento para a elaboración do Anteproxecto de decreto polo que se regulará o marco galego de microcredenciais para o traballo.
Segundo sinalou o presidente, ante o inmobilismo do Goberno central fronte ás recomendacións europeas neste ámbito —Consello de Europa do 16 de xuño de 2022— e sen que se producise en todo este tempo ningunha regulación a nivel estatal, en Galicia “si o estamos facendo”, considerando prioritario promover, no marco das súas políticas activas de emprego, un novo modelo formativo para o eido laboral máis áxil, flexible e non regrado que contribúa a impulsar as oportunidades laborais e a capacitación continua das persoas traballadoras —tanto ocupadas como desempregadas— ao tempo que dea resposta ás competencias específicas que “demandan as empresas” e os sectores produtivos, no marco das rápidas transformacións do mercado de traballo actual.
Trátase, polo tanto, dunha normativa absolutamente pioneira en España coa cal o Goberno galego —cumprindo ademais cun dos seus compromisos electorais— regulará os criterios e as características destas microcredenciais para o traballo, como a súa duración, adecuación ás necesidades e demandas dos sectores, avaliación ou certificación por parte dos empregadores, garantindo e velando pola calidade, transparencia e accesibilidade destas tipoloxías formativas non regradas.
Neste contexto, o primeiro paso do proceso de tramitación consiste na apertura do prazo de consulta pública —a través do Portal de transparencia e goberno aberto— para solicitar a opinión da cidadanía e das diferentes organizacións e asociacións respecto da elaboración deste marco regulador, que estará vixente desde mañá 18 de marzo ata o vindeiro 21 de abril de 2025. Esta fase previa ten como finalidade que a sociedade e os grupos de interese poidan trasladar as súas opinións e achegas ao respecto do anteproxecto de decreto.
Futuro marco normativo
Para o Executivo autonómico, as microcredenciais para o traballo —entendidas como a certificación que acredita unha competencia adquirida a través dunha formación breve, focalizada e aliñada coas demandas actuais e emerxentes do mercado laboral— son unha ferramenta estratéxica para promover o equilibrio entre a oferta e a demanda, favorecendo que as persoas poidan adquirir novos coñecementos e habilidades para o seu constante desenvolvemento profesional. Pola súa vez, as empresas, asociacións profesionais e clústeres poderán participar activamente na detección das necesidades de cualificación, así como no deseño, execución e emisión das microcredenciais, e permitiráselles adaptarse proactivamente ás necesidades do mercado e cubrir de xeito rápido as súas vacantes con man de obra cualificada. Isto favorecerá o impulso da competitividade e a produtividade do conxunto de sectores, desde as TIC ata as enerxías renovables, pasando pola industria, os servizos ou a saúde, adaptándose ao rápido avance tecnolóxico e aos novos requirimentos competenciais do seu persoal.
Con esta medida, e en consonancia ás xa referidas recomendacións europeas, Galicia será a primeira comunidade autónoma española en promover un regulamento deste tipo, adaptado ás novas exixencias dun escenario en constante cambio, ao establecer os principios e directrices neste ámbito tanto para os alumnos como para as propias empresas, empregadores e provedores de formación. Tamén incorporará mecanismos para o seu recoñecemento e acreditación por parte de empresas e entidades formativas, vencellando os resultados de aprendizaxe coa clasificación ESCO.
A meta final é a consolidación dun novo modelo formativo para o traballo —complementario á educación oficial, que inclúe ferramentas como as microformacións de carácter formal— que rache coa rixidez dos itinerarios lineais e potencie unha oferta eficaz para facer fronte aos desafíos actuais e futuros, favorecendo a reciclaxe da poboación activa e promovendo as transicións laborais. Ademais, permitirá asegurar unha reserva estratéxica de talento que fortaleza as perspectivas de crecemento rexional.
Pulo á formación flexible e á carta
Este futuro decreto permitirá potenciar a aposta estratéxica da Xunta por unha formación flexible como un eixe fundamental para fomentar máis e mellor emprego de calidade, así como para dar resposta a grandes retos como a cobertura de vacantes. Así, o marco normativo permitirá afondar no impulso das formacións non regradas de curta duración e axustadas ás necesidades das empresas —promovendo agora a súa regulación e estandarización— que a Xunta xa estaba a apoiar a través de ordes como a nova edición do Bono Talento Empresa, dotada con 2 M€, ou os convenios asinados con nove clústeres e entidades representativas da economía, cun investimento de 7,5 M€, para que os sectores deseñen e executen as súas propias accións. En paralelo, o decreto complementará a oferta vencellada á educación regrada —entre as cales se inclúen as microformacións formais de grao A—, previstas na convocatoria á carta do tecido produtivo aberta actualmente, cun orzamento de 4M€.
Neste contexto, cómpre sinalar que Galicia continúa a reclamar ao Goberno central unha maior flexibilidade nos fondos finalistas de formación para o emprego, co obxectivo de reforzar e potenciar a eficacia destas políticas activas de emprego, buscando atender as demandas de empresas e traballadores ocupados e desempregados.