A delegada da Xunta visitou o Concello de Tordoia que contou, o ano pasado, cunha axuda de case 49.000€ para contratar a tres traballadores ao abeiro da orde de Aprol rural

Belén do Campo anima ao concellos a solicitar as axudas para a contratación de persoas desempregadas dotada con 14 M€

A Xunta financia o 100% dos contratos para desenvolver tarefas de limpeza e mantemento de vías e parcelas e de prevención de incendios

Na comarca de Ordes (Tordoia, Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso e Trazo)  a Xunta financiou, o ano pasado, 14 traballadores do programa Aprol Rural con máis de 225.000 euros

Tordoia (A Coruña), 26 de marzo de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, e polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitou o municipio para animar aos concellos a solicitar a nova orde de as axudas para a contratación de persoas desempregadas en tarefas relacionadas principalmente coa prevención de incendios forestais, que conta cun orzamento de 14,2 M€. Este concello coa axuda do ano pasado de case 49.000 euros contratou a 3 traballadores. A delegada informou que este municipio volverá a contar neste ano 2025 con outros 3 traballadores por contratación anticipadas para realizar función de tarefas preventivas de incendios forestais.

A representante do Goberno autonómico explicou que na convocatoria de 2025 destas achegas Aprol rural se fusiona cos apoios á contratación de persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) atendendo aos cambios dos últimos anos e á demanda de ambas liñas. O obxectivo é a simplificación administrativa e facilitar o acceso dos municipios do rural a estas achegas.

As entidades locais interesadas poderán solicitalas ata o 14 de abril en concorrencia competitiva. A delegada explicou que con estes apoios promóvese a contratación de persoas sen traballo e con maiores dificultades de inserción laboral nos concellos rurais en colaboración coas entidades locais e para tarefas como a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes e a xestión da biomasa.

A orde céntrase nos concellos de menos de 50.000 habitantes e como novidade tamén poderán acceder a ela as mancomunidades e consorcios locais exclusivamente de concellos. Deste xeito, búscase facilitar con experiencia profesional a mellora da empregabilidade da poboación sen traballo nas áreas rurais e con menos oportunidades laborais e, ao mesmo tempo, contribuír a fixar poboación no rural.

Outra novidade é que esta convocatoria ofrece a posibilidade de desenvolver accións formativas- por parte do Goberno galego e en colaboración coas entidades que resulten beneficiarias destas axudas- para as persoas traballadoras contratadas e relacionadas coa limpeza e mantemento de vías e parcelas e de prevención de incendios.

Con estas axudas, o Goberno galego estima favorecer a contratación dunhas 750 persoas sendo a duración dos contratos de nove meses. Os apoios incluirán a contía de todos os custos salariais e as cotizacións á seguridade social por cada persoa contratada, segundo o convenio colectivo vixente.

Belén do Campo lembrou que, o ano pasado, na comarca de Ordes (Tordoia, Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso e Trazo) a Xunta financiou, o ano pasado, 14 traballadores do programa Aprol Rural con máis de 225.000 euros. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/03/2025