A Xunta promove os produtos galegos de calidade diferenciada no 38º Salón Gourmets de Madrid

O director da Axencia Galega da Calidade Diferenciada asistiu esta mañá á inauguración deste evento, no que a Consellería do Medio Rural participa cun posto institucional e 39 empresas agroalimentarias galegas

A Consellería patrocina o 4º Concurso de España de Pizzas Gourmet, no que se terá en conta a maridaxe destas elaboracións cos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e puntuarase de xeito especial o emprego de Mel de Galicia

Co obxectivo de dar a coñecer estas producións entre os asistentes, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria preparou un amplo programa de actividades para todos os públicos que inclúe catas, degustacións, demostracións de cociña e obradoiros infantís

Madrid, 7 de abril de 2025

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu esta mañá á inauguración da 38ª edición do Salón Gourmets en Madrid, no que a Consellería do Medio Rural participa cun posto institucional e 39 empresas agroalimentarias galegas, a meirande parte delas acollidas a algún tipo de distintivo de calidade. Alemparte puxo en valor estes eventos, consolidados como os escaparates das tendencias de alta gama no sector da alimentación, xa que promoven a apertura dos produtos galegos con selo de calidade diferenciada a novos mercados.

Ademais, nesta edición, a Consellería do Medio Rural patrocina o 4º Concurso de España de Pizzas Gourmet que se celebra no marco desta feira gastronómica, con máis de 150 participantes en 11 modalidades distintas. Cómpre destacar que todas as pizzas participantes terán que ser elaboradas tendo en conta a súa maridaxe con viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e puntuarase en cada unha das categorías a inclusión do Mel de Galicia como ingrediente.

Co obxectivo de dar a coñecer producións agroalimentarias galegas entre os asistentes, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria preparou un amplo programa de actividades para todos os públicos.

O martes 8 de abril o posto da Consellería do Medio Rural ofrecerá un relatorio sobre os produtos amparados baixo o distintivo Artesanía Alimentaria e unha cata de viños da DO Monterrei. Posteriormente, ofrecerase unha demostración de cociña da IXP Ternera Gallega e unha degustación das DOP Queixo Tetilla, San Simón da Costa e dos viños premiados nas Catas de Galicia 2024.

Os licores e augardentes premiados neste evento e os viños galegos con IXP poderán catarse na terceira xornada do Salón Gourmets. As persoas que asistan o mércores tamén terán a oportunidade de catar os queixos Arzúa-Ulloa e Cebreiro e os viños da DO Valdeorras. A Axencia ofrece tamén obradoiros infantís, nos que participará o alumnado dos colexios de Madrid, e que estarán impartidos pola DOP Queixo Tetilla.

As actividades finalizarán o xoves 10, o último día da feira, cunha degustación de Mel de Galicia e a presentación do sitio web experienciasdecalidade.gal, na que os asistentes poderán coñecer este portal a través do cal se poden mercar os produtos galegos de calidade diferenciada.

Data de actualización: 07/04/2025