Belén do Campo visita os tres cursos AFD da Academia Anxela que contan cun apoio da Xunta de case 100.000 €

A delegada informou que a Xunta apoia con máis de 6,1M€ a 24 entidades da cidade da Coruña para levar a cabo 127 Accións Formativas para Desempregados

Poténcianse as especialidades máis requiridas polas empresas galegas e polas persoas traballadoras, facilitando o acceso do alumnado aos cursos co reto de dar cobertura ás vacantes existentes no mercado laboral

A Coruña, 7 de abril de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce e co director da academia Anxela, Marcos Lago, as instalacións desta entidade para supervisar os cursos de Accións Formativas para Desempregados (AFD) que está organizando este centro. En total, recibiron case 100.000 euros para levar a cabo 3 cursos un de coidados estéticos de mans e pés que se está a impartir nestes momentos e  dous de servizos auxiliares de salón de peiteado, un xa rematado e outro que comezará o 25 de xuño, o que lles permitirá formar a 45 alumnas e alumnos.

Na visita informou que na cidade da Coruña reciben estes apoios un total de 24 entidades para levar a cabo 127 cursos cun apoio da Xunta de máis de 6,1 millóns de euros. A delegada destacou a importancia destes cursos que “permiten formar a persoas desempregadas en especialidades que contan cunha gran demanda de profesionais cualificados, especialmente neste caso no que se imparte a formación necesaria para ser profesionais de estética e de servizos auxiliares de salóns de peiteado”. O éxito destas accións, segundo explicou Belén do Campo, pódese comprobar coa “altísima taxa de empregabilidade do alumnado que remata as formacións”.

As accións formativas están dirixidas á adquisición e mellora de competencias profesionais en cada materia e ás aspiracións de inserción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, de forma que as capacite para o desenvolvemento cualificado dunha profesión e lles permita mellorar a súa empregabilidade.

Esta orde resolveuse en 2024 por un importe próximo aos 72,1 millóns de euros para impartir un total superior aos 1.500 cursos, coa previsión de que poidan participar máis de 23.300 persoas A Xunta continúa así a reforzar a formación para o emprego co reto principal de axustar as accións formativas aos perfís que demanda o tecido produtivo e de dar resposta, deste xeito, ás vacantes que existen no mercado laboral.

A delegada da Xunta considerou de “gran importancia” estes cursos e asegurou que hai un “gran compromiso” por parte da Xunta co fomento do emprego e o ofrecemento de ferramentas “útiles” que axuden á formación. “Estes investimentos teñen un gran impacto na vida das persoas. Non só porque poden aprender un oficio ou mellorar as habilidades que xa teñen, senón porque as poñemos directamente en contacto co mundo laboral e sabemos que moitas veces iso é o máis difícil”, engadiu.

Os apoios autonómicos van dirixidos de xeito prioritario ás persoas desempregadas, aínda que tamén poden participar nos cursos as persoas traballadoras ocupadas ata un límite do 30% das prazas, sempre e cando non se cubran con persoas sen emprego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/04/2025