Jose Ramón Parada, acompañado do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, interveu na presentación do informe “Boas prácticas na descarbonización do Sergas”
O xerente do Servizo Galego de Saúde remarca o firme compromiso co reto climático na sanidade, que sitúa Galicia á vangarda
Incide en que Galicia é pioneira na integración da descarbonización na planificación sanitaria, grazas a unha estratexia clara e á implicación dos profesionais do Sergas
Pon en valor que o Servizo Galego de Saúde leva xa máis de dúas décadas traballando a prol da sostibilidade do sistema sanitario público con medidas de eficiencia enerxética
Destaca os galardóns concedidos ao Sergas a nivel internacional polo seu compromiso climático, sendo recoñecido como campión climático da sanidade en Europa e como un dos sete campións climáticos do mundo
Fai un chamamento a todos os profesionais do Servizo Galego de Saúde, aos usuarios e á sociedade en xeral para que se sumen a este reto co obxectivo de construír un sistema de saúde máis xusto e equitativo
Vigo, 8 de abril de 2025
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, remarcou hoxe o firme compromiso do seu departamento co reto climático da sanidade, reducindo activamente a pegada de carbono e preparándose para o crecente impacto das condicións metereolóxicas extremas, colocando a Galicia á vangarda nesta materia.
O directivo do Servizo Galego de Saúde, acompañado do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, interveu na presentación do informe “Boas prácticas na descarbonización do Servizo Galego de Saúde”, que tivo lugar no salón de actos do Hospital Público Álvaro Cunqueiro.
Este informe, elaborado no marco da iniciativa Sanidade #PorElClima da Fundación Ecoloxía e Desenvolvemento (ECODES), recolle experiencias reais implantadas nas sete áreas sanitarias da comunidade e sitúa Galicia como referente nacional e internacional na loita contra o cambio climático desde o ámbito hospitalario.
Tal e como incidiu José Ramón Parada, o Servizo Galego de Saúde asumiu o reto de liderar a transformación cara a un modelo sanitario máis sostible e respectuoso co medio ambiente, converténdose en pioneiro na integración da descarbonización na planificación sanitaria, grazas a unha estratexia clara e á implicación dos seus profesionais.
O informe hoxe presentado establece unha folla de ruta para seguir a avanzar de xeito colaborativo, transformando o sector sanitario e deixando un legado positivo para futuras xeracións.
Máis de dúas décadas de traballo
Na súa intervención no acto, José Ramón Parada puxo en valor que o seu departamento leva xa máis de dúas décadas traballando a prol da sostibilidade do sistema sanitario público, con medidas de eficiencia enerxética nos centros sanitarios, reducindo a xeración de residuos sanitarios e o consumo de electricidade e combustibles fósiles. Ademais, estase a fomentar a reutilización e a reciclaxe e a priorizar a adquisición de produtos e servizos sostibles.
O xerente subliñou que desde o ano 2019 o Servizo Galego de Saúde conta coa Estratexia de Economía Circular, que é a guía do sistema sanitario galego para mellorar a saúde das persoas e do planeta, sendo un instrumento propio de planificación e orientación onde se recollen todas as medidas dirixidas a garantir un sistema sanitario público máis sostible e respectuoso co medio ambiente.
Deste xeito, desde entón, o Servizo Galego de Saúde foi galardoado a nivel internacional polo seu compromiso climático e, no pasado ano, foi recoñecido como campión climático da sanidade en Europa e un dos sete campións climáticos do mundo.
Para rematar a súa intervención, José Ramón Parada fixo un chamamento a todos os profesionais do Servizo Galego de Saúde, aos usuarios e á sociedade en xeral para que se sumen a este reto co obxectivo de construír un sistema de saúde máis xusto e equitativo. Remarcou que o departamento sanitario galego está a demostrar que é posible conciliar a excelencia na atención sanitaria coa sostibilidade ambiental.