A Xunta lanza a iniciativa ´Localízate! No teu comercio local´ para achegar o comercio de proximidade á mocidade
Trátase dunha das máis de 70 accións recollidas no Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030, coa que se pretende achegar ao alumnado da Educación Secundaria Obrigatoria os beneficios do comercio local
Ata o 30 de abril, os centros de secundaria poden inscribirse e presentar a súa proposta de dinamización do comercio local e ser seleccionados para participar na experiencia piloto deste proxecto
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2025
A Xunta lanza a nova iniciativa Localízate! No teu comercio local, unha das máis de 70 accións expostas no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030. O obxectivo principal é achegar e por en valor ao alumnado da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) os beneficios que aporta o comercio local, como a experiencia directa de compra, a xeración de riqueza e emprego local, a proximidade e sostibilidade.
Esta iniciativa comeza neste curso 2024-2025 cunha experiencia piloto nas cidades de Ourense, A Coruña, Vigo, e Lugo pretendendo achegar o comercio local a máis de 600 mozos galegos e coa colaboración de máis de 70 establecementos. Nas próximas edicións do programa iranse sumando distintas localizacións ata abarcar todo o territorio galego, achegando de primeira man ao alumnado participante o seu comercio local máis próximo e o impacto social, medioambiental e económico que xenera.
Neste proxecto, búscase traballar diferentes competencias clave mediante o movemento, o traballo en equipo e a escoita activa, conectando ao alumnado co comercio local da súa contorna, permitíndolle aos máis novos poder desfrutar das compras e do ocio de forma independente.
Experiencia piloto 2024-2025
Os centros que desexen participar na experiencia piloto desta edición de Localízate! No teu comercio local poden inscribir a súa clase no formulario habilitado ata o vindeiro 30 de abril, e deberán presentar un proxecto innovador para achegar ao público mozo un comercio local elixido previamente polos participantes, enviando a proposta ao correo electrónico localizate.comercio@xunta.gal.
Entre o 12 e o 15 de maio nas cidades de Ourense, A Coruña, Vigo e Lugo, o alumnado seleccionado participará nunha carreira por equipos onde, os participantes deberán percorrer a pé as principais zonas comerciais e prazas de abastos dos centros das cidades, resolvendo distintas probas e interactuando con cada un dos comercios que colaboran na actividade. A maiores, unha unidade móbil estará situada en cada unha das cidades que acollen esta primeira edición como punto informativo e de mostra dos produtos dos comercios locais participantes, así como tamén será o punto de inicio e meta da proba por equipos.