O conselleiro de Sanidade interveu no acto conmemorativo dos 130 anos de fundación dos Colexios Oficiais de Médicos e Farmacéuticos da provincia da Coruña

Gómez Caamaño subliña a alianza histórica de médicos e farmacéuticos en defensa da saúde da sociedade galega

Agradece a colaboración coa sanidade pública na posta en marcha da rede de farmacias sentinela, o programa de sistemas personalizados de dosificación ou a dispensación de medicamentos non demorables

Destaca a abordaxe da intelixencia artificial e a posibilidade de abrir novos horizontes na loita contra as resistencias bacterianas abordada polo doutor César de la Fuente Núñez na conferencia que pronunciou esta tarde no Pazo de Fonseca

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, resaltou a alianza histórica de médicos e farmacéuticos en defensa de toda a sociedade durante a súa intervención na clausura do acto conmemorativo dos 130 anos de fundación destes colexios oficiais da provincia da Coruña.

No acto, que tivo lugar no Pazo de Fonseca, o conselleiro de Sanidade resaltou a colaboración co Colexio de Farmacéuticos da Coruña na rede de farmacias sentinela da Xunta que contribuíu á vixilancia da gripe e na que participan 30 oficinas da provincia.

Tamén referiu o servizo aos pacientes que prestan as farmacias cos programas de sistemas personalizados de dosificación e coa dispensación de medicamentos non demorables, en contacto cun médico do Servizo Galego de Saúde nun teléfono habilitado ao efecto.

Gómez Caamaño alentou esta vontade de colaboración entre o colectivo médico e farmacéutico na procura de respostas aos retos da sanidade actual.

Neste sentido, louvou a conferencia do doutor César de la Fuente Núñez, quen falou sobre como a intelixencia artificial pode transformar o descubrimento de antibióticos e abrir novos horizontes na loita contra as resistencias bacterianas.

O conselleiro rematou a súa intervención lembrando que a atención sanitaria se debe afrontar desde unha perspectiva compartida xa que, dixo, só desde a colaboración entre profesionais, administración e sociedade, poderemos dar respostas máis humanas, máis eficaces e máis xustas aos novos retos.

Amosouse confiado en que a celebración deste 130 aniversario servirá para reforzar esa alianza histórica entre médicos e farmacéuticos e para seguir avanzando, con unidade, cara ao futuro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2025