A Xunta achega ao mercado da Magdalena de Ferrol as actividades promocionais da campaña ‘Quere o teu mercado’
A delegada territorial, Martina Aneiros, visitou esta mañá a praza de abastos no marco desta campaña promovida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para poñer en valor as compras de proximidade nestes espazos
Ferrol, 31 de maio de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o mercado da Magdalena en Ferrol no marco da celebración dunha nova edición da campaña Quere o teu mercado, unha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración coa que se busca promover os mercados e prazas de abastos de Galicia, incentivar o consumo de produtos frescos e poñer en valor as compras de proximidade e a profesionalidade e bo facer das praceiras e praceiros.
Durante a visita, Aneiros destacou que o obxectivo é reforzar o papel dos mercados como “espazos de excelencia, modernidade e sostibilidade” e salientou o traballo que está a realizar a Xunta a través do Plan Estratéxico de Comercio de Galicia, con actuacións como pulo ao selo Mercados Excelentes a través de axudas específicas.
O mercado da Magdalena é unha das 63 prazas de abastos de toda Galicia localizadas en 52 concellos que participan na xornada de hoxe nesta campaña na que se distribuirán preto de 4.400 mandís e máis de 18.250 bolsas promocionais, ademais doutras propostas de dinamización como showcookings, actuacións musicais, obradoiros infantís ou sorteo de cestas con produtos de mercado.
A delegada territorial insistiu no compromiso do Goberno galego co comercio de proximidade dentro do que se enmarcan iniciativas como a de hoxe e lembrou a importancia de darlle visibilidade aos mercados, atraer novo público consumidor e promover o produto galego de calidade.