Medio Rural convoca unha nova poxa de 58 animais criados no centro de investigacións agrarias de Mabegondo o vindeiro 1 de xullo

En concreto, allearanse animais da raza Rubia Galega destinados para reprodución, dos cales 40 son xovencas preñadas

A licitación e información dos lotes poden consultarse na web da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e os interesados poderán facer unha visita o día 30 deste mes e o propio 1 de xullo antes do comezo da poxa no salón de actos do centro

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2025

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria dunha nova poxa pública de 58 animais vacúns de raza Rubia Galega criados no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), que terá lugar o 1 de xullo. Dos preto de 58 animais que se allearán, 40 correspóndense con xovencas preñadas.

Esta poxa é posible debido ás actividades de investigación en materia de mellora xenética para a recuperación das aptitudes maternais da raza Rubia Galega que se están desenvolvendo no centro, no que se dispón dun dos rabaños máis importantes desta raza, os cales se queren poñer a disposición dos gandeiros interesados.

A licitación e a información dos lotes poden consultarse na web da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e a inscrición para participar na poxa, que terá lugar o 1 de xullo no salón de actos do CIAM ás 11.30 horas, realizarase a través da sede electrónica da Xunta.

Ademais, os licitadores interesados terán a oportunidade de visitar o CIAM para ver de xeito presencial os animais. Isto desenvolverase nas xornadas do 30 de xuño e o 1 de xullo no propio centro dependente da Consellería do Medio Rural, en horario de 10.00 a 13.00 horas e de 9.00 a 11.00 horas, respectivamente. A disposición dos interesados está o número de teléfono 881 881 806 para resolver calquera dúbida.

Cómpre salientar que o pasado ano celebrouse unha primeira poxa de gando vacún de raza Rubia Galega criado no CIAM, na que se adxudicaron a 13 explotacións máis de medio cento de animais. Neste sentido, chegouse a superar nun 18 % o seu prezo de saída, acadando algo máis de 94.000 euros destinados para seguir afondando na investigación e mellora desta raza autóctona.

Potenciación desta raza autóctona

O CIAM desenvolve numerosas investigacións, entre as que se atopan aquelas relacionadas coa raza autóctona Rubia Galega e a súa potenciación. Os traballos buscan mellorar a calidade deste gando e favorecer a rendibilidade das explotacións que manexan este tipo de animais.

Cómpre destacar que o centro conta cunha finca de máis de 300 hectáreas, das cales 65 se reservan para rabaños de rubia galega, que son dos máis importantes que se conservan ao preservar mellor a súa pureza por non depender de intereses comerciais.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250623/AnuncioG0528-170625-0004_gl.html.

Data de actualización: 23/06/2025