O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a conselleira de Saúde e Políticas Sociais da Rioxa, María Martín, visitaron esta mañá a plataforma loxística emprazada no municipio de Negreira

Galicia comparte coa Rioxa a experiencia pioneira do Centro de Terapias Avanzadas e da plataforma loxística do Servizo Galego de Saúde

Gómez Caamaño enmarca  a visita á comunidade da delegación rioxana no traballo de dous territorios comprometidos cunha sanidade pública de calidade, eficiente e innovadora

Destaca que a Plataforma Loxística é capaz de procesar máis de 11.000 solicitudes diarias de material e recibir máis de 2.000 entregas de provedores cada día

A Xunta expón ante a delegación rioxana a experiencia e o traballo realizado para poñer en marcha o Centro de Terapias Avanzadas, no que están implicados o Goberno galego, as universidades e os axentes do ecosistema sanitario e científico 

Ambas as comunidades intercambian experiencias tamén no eido da vacinación e das novas tecnoloxías e a intelixencia artificial aplicada á sanidade pública 

Negreira (A Coruña), 24 de xuño de 2025

A Xunta de Galicia comparte co Goberno da Rioxa a experiencia pioneira do Centro de Terapias Avanzadas e da Plataforma Loxística do Servizo Galego de Saúde. Este luns e martes, unha delegación do Goberno da Rioxa, encabezada pola conselleira de Saúde e Políticas Sociais, María Martín, está a visitar Galicia. 

Esta mañá, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño e a conselleira de Saúde e Políticas Sociais da Rioxa, María Martín, visitaron a Plataforma Loxística do Servizo Galego de Saúde, situada no municipio coruñés de Negreira, na que tamén participaron o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e a directora xeral de Recursos Económicos, Amparo Pousada, ademais dos membros da delegación rioxana: o director de Sistemas, Tecnoloxía e Innovación para a Saúde, José Pérez Alonso; o director xeral da Sociedade Dixital, Francisco Javier Ridruejo; e o xefe de área de Ciberseguridade, Seguridade da Información e Cumprimento Normativo, Tomás Gómez Pérez. 

No día de onte, a delegación do Goberno da Rioxa tivo a oportunidade de coñecer o Centro de Produción de Terapias Avanzadas, organismo que representa a aposta de Galicia polo futuro da medicina personalizada e pola investigación de vangarda. Con este centro, Galicia impulsa a produción de terapias car-t cun alto impacto clínico para pacientes con determinados cancros, o que supón unha auténtica revolución terapéutica. 

O conselleiro destacou que a visita da delegación da Rioxa se enmarca no traballo de dous territorios comprometidos cunha sanidade pública de calidade, eficiente e innovadora, dous territorios que queren afondar nas relacións de cooperación e intercambio de experiencias. 

Elemento esencial 

Na visita á Plataforma Loxística do Servizo Galego de Saúde, Gómez Caamaño remarcou que Galicia e A Rioxa comparten un interese estratéxico co fin de dotarse das mellores ferramentas fronte ao cancro. A tal efecto, a Xunta considera de interese compartir coa Rioxa o traballo realizado para poñer en marcha o Centro de Terapias Avanzadas no que están implicados o Goberno galego, as universidades e os axentes do ecosistema sanitario e científico.

Gómez Caamaño tamén puxo en valor que Galicia é pioneira en programas de cribado e de detección precoz do cancro, así como no impulso do primeiro Centro de Protonterapia da sanidade pública en España.

O titular da carteira sanitaria da Xunta incidiu en que a plataforma loxística garante que o material sanitario e non sanitario chegue en tempo e forma a todos os centros do Servizo Galego de Saúde, avanzando en eficiencia, aforro de custos e seguridade, constituíndo un elemento esencial para o funcionamento do sistema.

A plataforma conta con máis de 180 traballadores, 32 vehículos e unha infraestrutura automatizada capaz de procesar máis de 11.000 solicitudes diarias de material e de recibir máis de 2.000 entregas de provedores cada día. Ademais, posúe un sistema robotizado que facilita a xestión de ata 80 pedidos á vez.

A plataforma funciona todos os días do ano, as 24 horas, garantindo que as emerxencias sexan atendidas en menos de dúas horas e media e as urxentes en menos de 24 horas.

O conselleiro incidiu en que esta infraestrutura foi clave para centralizar servizos que antes estaban dispersos, reducindo custos grazas á compra de volume e axudando a racionalizar as existencias. Así mesmo, a plataforma xogou un papel clave durante a pandemia para que non houbera desabastecemento de material de protección para profesionais e pacientes.

Gómez Caamaño puxo esta infraestrutura como exemplo de como a innovación e a xestión eficiente poden mellorar a sanidade pública. 

Intercambio de experiencias

Previamente a esta visita á plataforma loxística, os representantes de Sanidade de Galicia e da Rioxa mantiveron un encontro de traballo no edificio administrativo de San Lázaro co fin de intercambiar experiencias e coñecementos no eido da sanidade. 

Nesa reunión abordáronse diferentes experiencias, especialmente as relacionadas coa vacinación e coas aplicacións das novas tecnoloxías e a intelixencia artificial na sanidade pública. Púxose de relevo a concesión a Galicia do certificado do Esquema Nacional de Seguridade, que garante os máximos estándares na protección dos servizos tecnolóxicos. Ademais, Galicia tamén explicou a súa estratexia en materia de intelixencia artificial ou o funcionamento da plataforma tecnolóxica de seguimento de pacientes crónicos TELEA, entre outros. 

O conselleiro agradeceu a visita dos representantes da Sanidade da Rioxa e lembrou que o futuro da sanidade constrúese sumando capacidades e compartindo coñecemento. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/06/2025